Sanxenxo súmase á mobilización internacional en apoio á Flotilla Sumud Global e pola fin do xenocidio en Gaza

Asociacións locais convocan unha marcha silenciosa o 30 de agosto desde a Praza dos Barcos ata a Lonxa de Portonovo, en solidariedade co pobo palestino.

As organizacións Insubmisas Contra o Rearmamento, Asociación Cultural Andarela, Emerxencias Sanxenxo e a Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo súmanse ao chamamento de Movemento Global a Gaza – Galiza e convocan unha manifestación en Sanxenxo o sábado 30 de agosto, baixo o lema:
“Por Gaza. Contra o xenocidio e en apoio á Flotilla Sumud Global”.

A concentración comezará ás 19:00 horas na Praza dos Barcos, para partir en marcha silenciosa cara a Lonxa de Portonovo. As persoas participantes irán vestidas de negro, portando fotografías que reflicten a devastadora situación en Gaza e símbolos de solidariedade co pobo palestino. Á altura da Rosa dos Ventos do Paseo de Silgar (se o tempo o permite) realizarase unha performance con audioe ao finalizar farase un mural simbólico coas fotografías que se trasladará ata as inmediacións da simbólicaTorre da Lanzada.

As entidades convocantes denuncian que a comunidade internacional está a asistir “en directo a un xenocidio”, con “vidas esnaquizadas, familias destruídas, hospitais e escolas bombardeadas, persoal sanitario e xornalistas asasinados”. Critican tamén a complicidade de gobernos europeos e institucións internacionais “que manteñen relacións comerciais e militares co Estado de Israel mentres a infancia palestina é obxectivo do terror”.

A Flotilla Sumud Global partirá o 31 de agosto desde diferentes portos internacionais con ducias de barcos e tripulacións de 44 países, co obxectivo de romper o asedio ilegal a Gaza e entregar axuda humanitaria.

As asociacións convocantes chaman a toda a sociedade galega a mobilizarse:

“Palestina resiste xeración tras xeración, con dignidade e orgullo, e a súa loita é tamén a nosa. O 30 de agosto, non só Sanxenxo, senón Galiza enteira sairá á rúa para dicir que Palestina non está soa”.

Finalmente, fan un chamamento a manter a vixilancia internacional no caso de que a flotilla sexa obxecto de sabotaxes ou ataques.

Comparte éste artículo
No hay comentarios