O ciclo ‘Outono das Artes’, organizado por Cultura da Deputación da Coruña , ofrecerá máis de 90 actividades de danza, música, teatro e audiovisual en toda a provincia

O programa comezará o 6 de setembro co concerto de ‘De Ninghures’ en Santiago de Compostela, e prolongarase ata decembro pasando por numerosos municipios da provincia.

A Deputación da Coruña presentou hoxe o ciclo Outono das Artes 2025, unha ampla programación cultural que levará máis de noventa actividades de música, danza, teatro e audiovisual a concellos de toda a provincia entre os meses de setembro e decembro. A deputada de cultura, Natividade González, foi a encargada de presentar o ciclo, acompañada da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e de representantes de algunhas das actividades programadas. 

A primeira cita será o 6 de setembro en Santiago de Compostela, no Campo de Conxo, co concerto da banda De Ninghures. A partir desa data, o programa viaxará por vilas e cidades como Ortigueira, Ferrol, Negreira, Sada, Ribeira, Oroso, Carral, Muros, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Rianxo ou Vimianzo, entre moitas outras, ofrecendo propostas que abranguen desde concertos e recitais ata pezas de danza contemporánea, teatro familiar e proxeccións audiovisuais. O calendario de setembro inclúe actividades todas as fins de semana e tamén en horarios de tarde e noite, co obxectivo de facilitar a participación de públicos diversos. As propostas van desde espectáculos pensados para a infancia e as familias ata recitais e representacións dirixidas a un público adulto, reforzando así o carácter plural e inclusivo do ciclo.

Ademais de ‘De Ninghures’, completan o programa de “Outono das Artes” artistas como Uxía, Donaire, Sumrrá, Xacarandaina ou a Orquestra de Cámara Galega; compañías de teatro como Morraoconto, Pérez & Ferández ou Os Náufragos; de danza como Morriña Dance Project, Laboratorio Escénico ou Gallaecia eventos, e producións audiovisuais como Ratiña, de Alicia Úbeda, Prisciliano e a Gallaecia, de Arraianos ou Lévame a Idea, de Navíos e Folerpas, entre outros.

A deputada de cultura, Natividade González, subliñou que “Outono das Artes é unha aposta decidida pola descentralización cultural, a accesibilidade á culturae polo apoio ao talento galego, garantindo que a veciñanza de toda a provincia poida gozar dunha programación de primeiro nivel sen ter que desprazarse a grandes cidades”. Engadiu tamén que “queremos que cada concello sinta este ciclo como propio: que as prazas, auditorios e casas da cultura se enchan de música, danza, teatro e cine, porque a cultura é un dereito e tamén unha ferramenta para dinamizar social e economicamente os nosos municipios”.

Pola súa banda, a alcaldesa sinalou que dende o Concello de Santiago “compartimos esa premisa de que a cultura é un dereito”, que «non pode restrinxirse» a unha época do ano ou ás festas. Goretti Sanmartín fixo fincapé, ademais, na importancia dos barrios e as parroquias na conformación da identidade compostelá e na descentralización da cultura, tanto nas vilas pequenas da contorna como na propia capital galega, como é exemplo este concerto no barrio de Conxo.  Ademais, destacou que este concerto «ponlle o ramo» ás celebracións do centenario da anexión do concello de Conxo a Santiago de Compostela. 

O ciclo manterase activo ata mediados de decembro, pechando cunha programación especial de teatro, danza e concertos en diferentes puntos da provincia. A programación completa, con datas, horarios e localizacións, pode consultarse nas canles oficiais da Deputación da Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios