O circuíto municipal das Pontes viviu unha xornada histórica coa primeira edición do RallyShow Deputación da Coruña. Este evento pioneiro, que superou todas as expectativas, reuniu a máis de 4.000 persoas chegadas de toda Galicia, nunha emocionante xornada de competición e espectáculo.
O actual campión galego, Víctor Senra, a bordo do seu Hyundai i20 WRC, proclamouse vencedor. Impúxose nunha final vibrante que puxo de pé as bancadas do circuíto das Pontes. Co seu habitual estilo agresivo e preciso, Senra dominou cada unha das eliminatorias ata conseguir o triunfo final neste formato que premia a velocidade e a estratexia.
O segundo posto foi para o coruñés Daniel Berdomás (Hyundai i20 N Rally2), e o terceiro para o vigués Jorge Pérez, ao volante do seu Porsche 991 GT3. O formato eliminatorio e a proximidade ao público fixeron do RallyShow unha experiencia vibrante tanto para os pilotos como para os espectadores.
O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou durante a entrega de premios que «hoxe confirmamos que o RallyShow chegou para quedar. Esta primeira edición foi un éxito rotundo e demostra que hai espazo para un evento así no calendario do motor galego e estatal». Formoso tamén agradeceu a «implicación de todas as escudarías, pilotos, voluntariado e público, que fixeron posible esta xornada».







A proba contou coa participación de pilotos de primeiro nivel e cun formato áxil que permitiu seguir as carreiras desde as bancadas —cheas dende primeira hora da mañá— e o contorno do circuíto. Entre as mangas, o público desfrutou de espectaculares exhibicións de drift dos BMW de Sito González, dos carcross e dos históricos Mini Cooper “Italian Job”.
Un evento para toda a familia
Ademais do espectáculo deportivo, o RallyShow Deputación da Coruña ofreceu actividades para todos os públicos: animación, música, foodtrucks, un circuíto infantil de karts, sorteos e a posibilidade de vivir a experiencia dunha carreira en primeira persoa grazas aos codrives con pilotos profesionais.
Con entrada gratuíta, amplo aparcadoiro e un dispositivo organizativo que garantiu a comodidade e seguridade do público, o RallyShow Deputación da Coruña demostrou que é posible combinar competición e espectáculo, marcando un antes e un despois no calendario do motor galego.