O PP de Pol esixe o pago inmediato das nóminas de agosto aos traballadores do Concello xa que “todos seguen sen cobrar”

Nicole Grueira sinala que “a falta de pago das nóminas é moi preocupante” e pode ser ademais “un indicativo de que a situación económica do Concello de Pol é crítica”.

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, esixe ao alcalde Lino Rodríguez “o abono inmediato e sen demora” das nóminas de agosto dos traballadores do Concello que “a día de hoxe aínda non percibiron os seus salarios”.

Nicole Grueira esixe a Lino Rodríguez “que deixe de buscar escusas” mentres segue a demorarse o pago das nóminas dos empregados do Concello de Pol. “En lugar de buscar escusas o que debería de facer é garantir o cobro dos salarios”, afirmou.

Para a voceira popular esta situación “é totalmente anómala” e “non debe consentirse nunca, moito menos nunha administración pública”. Neste senso, Grueira recorda que o Concello de Pol non aproba uns orzamentos dende o ano 2022, “a pesar de que o alcalde ten maioría no pleno polo que, aparentemente, non debería de ter problema algún para aprobar en tempo e forma as contas do Concello cada ano”.

A falta de abono das nóminas de agosto dos traballadores “é moi preocupante” xa que “pode ser un indicativo de que a situación económica do Concello de Pol é crítica”. 

“Un alcalde responsable e comprometido cos seus veciños se preocuparía de ter en bo estado as pistas e camiños municipais, garante que os traballadores do Concello e todas aquelas persoas que realizan traballos para a administración cobran en tempo e forma e, por suposto, non destinaría os recursos económicos existentes aos seus caprichos”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios