Os traballos abranguen un tramo duns 175 metros entre a Ronda das Fontiñas e a rúa Virxe da Esperanza, cun prazo de execución previsto de oito semanas.
O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron esta mañá o proxecto de mellora da rúa Rof Codina, unha actuación que suporá un investimento
total de 38.039,94 euros e que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade, a seguridade e o estado xeral dunha vía que levaba décadas sen intervencións.
«Esta actuación enmárcase dentro do noso compromiso por facer de Lugo unha cidade máis amable, accesible e coidada. A rúa Rof Codina levaba moito tempo agardando por unha reforma que agora facemos realidade», explicou Rubén Arroxo. «Seguimos a actuar nos barrios, onde a veciñanza leva anos reclamando melloras, apostando por un modelo de cidade no que os espazos públicos sexan seguros, funcionais e pensados para as persoas.»
Esta intervención permitirá mellorar as beirarrúas e a capa de rodadura da calzada, especialmente nos tramos máis deteriorados, e incorporarase nova sinalización para reforzar a seguridade peonil e viaria. O Tenente Alcalde incidiu en que «este tipo de actuacións non só melloran a estética da cidade, senón que resolven problemas reais de accesibilidade e mobilidade».
As obras abranguen un tramo duns 175 metros entre a Ronda das Fontiñas e a rúa Virxe da Esperanza, dividíndose en tres zonas diferenciadas. Executaranse actuacións como o fresado da calzada, a aplicación dunha nova capa de mestura asfáltica tipo SMA, a construción dunha nova beirarrúa de formigón ruleteado, e a mellora da sinalización vertical e horizontal.
Ademais, explica Rubén Arroxo, «instalaranse balizas e reubicaranse bolardos para facilitar o paso de peóns e delimitar correctamente as zonas de estacionamento». A obra contempla tamén a execución dun novo paso de peóns á altura dos números 35-37, conectando ambos lados da rúa.
O prazo previsto de execución é de oito semanas. «Estamos a desenvolver proxectos sostibles, con materiais de calidade e criterios técnicos rigorosos, que permitirán que estas melloras se manteñan no tempo», sinalou Arroxo.