Este maio de 2026 ficará gravado nos anais da historia británica como o intre no que as costuras dun Estado unitario e esgotado rillaron definitivamente pola periferia. Os resultados en Gales e Escocia debuxan unha xeografía política onde o centro de gravidade xa non reside en Londres, senón nunha afirmación soberanista que, con distintos matices, asume o liderado dun novo tempo atlántico.
En Gales, o terremoto foi absoluto. Os soberanistas do Plaid Cymru, baixo o intelixente liderado de Rhun ap Iorwerth, acadaron un éxito sen precedentes: 43 escanos e un 35,4% dos votos (20,7% no 2021), converténdose no motor dun Senedd ampliado a 96 deputados . Fronte este ascenso, o laborismo, que gobernara Gales dende a devolution na fin do século pasado, sufriu un colapso histórico, ficando con apenas 9 escanos e un 11,1% de sufraxios (fronte ao 36,2%!! de 2021). Perden tamén os conservadores, con só 7 escanos (10,9%), papados polo supremacismo extremista do Reform UK, segunda forza política, con 34 escanos e o 29,3% dos votos. Os liberais demócratas (4,4% e un escano) e os verdes galeses, tamén soberanistas (6,8% e 2 escanos), completan o cadro parlamentario.
Pola súa banda, na Escocia, os nacionalistas do SNP do first minister John Swinney demostraron unha grande resiliencia. Malia os ventos de treboada da lexislatura anterior (co escándalo do financiamento do SNP, que esixiu a dimisión da first minister Nicola Stugeon e a posterior dimisión do seu sucesor Humza Yousaf) e a indubidábel desafección da súa base electoral (só a rentes dun 20% aproba arestora ao Goberno escocés fronte ao 40% de hai cinco anos) mantén a súa hexemonía con 58 escanos (38,2% dos votos nas eleccións aos 73 distritos uninominais fronte aos 64 escanos e 47,7% de votos nestes mesmos distritos no 2021), mentres os laboristas e Reform UK empataban en 17 escanos, e os conservadores afundíanse até os 12, mentres quen acadou os mellores progresos foron os verdes escoceses, tamén independentistas (15 escanos fronte aos 7 de 2021) e máis os liberais demócratas (10 escanos fronte aos 4 de 2021) .
Estamos diante de dous modelos de afirmación nacional. Plaid Cymru asume o reto de gobernar por vez primeira dende o liderado O SNP, pola contra, encetará a súa quinta lexislatura seguida a fronte do goberno, malia que teña que ollar con moita precaución o avance dos verdes, que cun discurso republicano e radicalmente ecoloxista está a desprazar como motor ideolóxico da independencia ao SNP de determinados sectores novos e urbanos. De calquera xeito garantiuse unha maioría soberanista de 73 escanos fronte a un moi fragmentado unionismo.
Cómpre salientarmos o papel do soberanismo como muro de contención fronte á demagoxia. Mentres nas locais inglesas o Reform UK de Nigel Farage camiñou sen oposición cara a maiorías que enchen de inquedanza, en Gales e Escocia o discurso soberanista freou o seu avance. O nacionalismo actuou como anticorpo: onde a dereita radical ofrecía odio e asimilacionismo, o Plaid Cymru e o SNP ofreceron pertenza e autogoberno. Farage esmagou os conservadores, mais non puido rachar a columna vertebral de dúas nacións que prefiren decidir por si mesmas.
Este escenario abre a porta a unha alianza política sen precedentes: un eixo Edimburgo-Cardiff-Belfast. Co Sinn Féin liderando no Ulster , Swinney en Escocia e Ap Iorwerth en Gales, Westminster enfróntase a unha pinza soberanista que cuestiona a natureza mesma da Unión. Xa non son queixas rexionais; é unha fronte de Estados en potencia (no caso irlandés a República reunificada) que esixen un novo marco confederal cando non a ruptura definitiva. Estamos ante unha conmoción constitucional británica de consecuencias imprevisíbeis. O Reino Unido, tal e como o coñecemos, é hoxe unha ficción administrativa sostida por fíos moi finos que tenta conter a auga de tres nacións que xa botan a andar cara á súa propia luz. Neste senso, a irrupción do Reform UK como árbitro da dereita unionista só acelera este proceso, ao empurrar ao nacionalismo a ser o único garante da cohesión social e o progreso.
Para Galicia, este espello británico resulta de enorme utilidade cara aos debates das locais de 2027 e das nacionais de 2028, amosando que o voto soberanista é o mellor antídoto contra o populismo de extrema dereita e a ferramenta máis eficaz para a xestión dos servizos públicos dende a proximidade.