A eurodeputada do BNG demanda que Galiza sexa considerada nación altamente dependente da pesca e critica a forte redución do orzamento destinado ao FEMPA.
Na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que tivo lugar esta mañá, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, alertou das consecuencias que ten para Galiza a política europea de pesca e criticou o forte recorte do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (FEMPA). A proposta cifra nun 67% a redución, ao pasar 6.108 millóns de euros para o período 2021-2027 aos 2.000 millóns no período 2021-2028, polo que Miranda a cualificou como “unha verdadeira tomadura de pelo”.
Neste sentido a eurodeputada galega alertou de que se con algo máis de 6.000 millóns se desmantelaron 2.200 barcos nos últimos 20 anos, cun orzamento de 2.000 millóns para o vindeiro período as consecuencias poden ser catastróficas, polo que pediu que a proposta sexa retirada. “Isto é o que lle pedimos desde unha nación pesqueira e desde o BNG”, subliñou na súa intervención.
“Quero dicirlle alto e claro que as medidas impulsadas pola Unión Europea desde que o meu país, Galiza, forma parte da UE resúmense en 6 palabras: redución de cotas, vetos, desmantelamento, despezamentos, reconversión forzada e ruína”, denunciou Ana Miranda. “Non o digo eu, dino as estatísticas”, sinalou, xa que en 20 anos a frota galega está composta por 2.200 barcos menos, ao pasar de 6.400 en 2005 a 4.200 en 2025 “polas decisións de Bruxelas”.
Renovación da frota
Ana Miranda tamén indicou que Galiza ten a frota máis antiga de Europa, cunha media de 38 anos de media de antigüidade. “Se pretenden que renovemos a frota, e non pretenden que se constrúan máis barcos, temos un problema”, manifestou ao tempo que criticou que o Comisario fale de “medidas de compensación”. Ao respecto indicou que “o que quere a xente mariñeira é pescar, é faenar, é mariscar. Non queren medidas de compensación, non queren limitacións nin queren vetos”.
“Comisario, vai recoñecer que Galiza é unha nación altamente dependente da pesca ou vai seguir apoiando medidas que desmantelen o sector?”, reiterou a eurodeputada do BNG, quen lembra que o sector pesqueiro nunha nación pesqueira como Galiza representa case o 6% do PIB da economía.