O BNG de Muxía urxe ao goberno local á instalación de novas marquesiñas no municipio

Os nacionalistas sinalan que o alumnado e usuarios do transporte non deben de seguir á intemperie, e apelan á responsabilidade do goberno local para que se acometan os traballos á maior brevidade.

O BNG de Muxía leva reclamando ao goberno municipal, como fixo no último pleno da corporación a inicios de setembro, que substitúa as marquesiñas que foran retiradas por atoparse en mal estado, e que instalen algunhas en lugares onde non as había para que os escolares e a veciñanza usuaria do transporte de autobuses poidan resgardarse da chuvia. Os nacionalistas explicaron no último pleno que o outono estaba á volta da esquina e que era o momento de facelo.  

A formación nacionalista sinalou que é coñecedora “que desde o día 3 de setembro as marquesiñas están listas, recollidas e depositadas en instalacións municipais”, e indicou que “as chuvias do outono xa comezaron, pero en Calo e Pardiñas seguen sen ter marquesiñas, polo que urximos ao goberno municipal a actuar con maior dilixencia e pedímoslle que proceda xa á instalación das mesmas canto antes”.

O BNG insistiu en que o alumnado e usuarios do transporte escolar non deben de seguir á intemperie. “Apelamos á responsabilidade do goberno local para que se acometan os traballos xa”, trasladou este luns 22 a voceira do BNG, Mercé Barrientos, ao alcalde de Muxía. A portavoz nacionalistainstou ao goberno a que proceda ás reparacións precisas e, de paso, a que acometa os traballos de mantemento doutros equipamentos deste tipo perigosos polo seu estado, con vidros rompidos ou estruturas descadradas, como é o caso das marquesiñas de Moraime, Vilariño ou Os Pasantes. 

O grupo nacionalista lembrou que en setembro de 2022 unhas familias pediran ao goberno de Muxía a reparación das marquesiñas que daban servizo aos usuarios e usuarias do transporte escolar, especialmente ao alumnado dos centros escolares do concello. Daquela, no inicio do 2024 o BNG tivo que denunciar que pasara mais dun ano sen que se substituíran as marquesiñas estragadas, que as encargadas levaban tempo feitas e que o goberno municipal non se dignara a instalalas. “A resposta foron insultos varios por parte do daquelarexedor, pero á semana foron colocalas”, subliñou o BNG.

Mercé Barrientos tamén trasladou ao goberno municipal –como membro do consello escolar do CEIP de Vilarmide-Eduardo Noya- necesidades de reparacións e mantemento que xa foran comunicadas en xullo de 2024 ao anterior goberno, mais das que só se afrontaron algunhas delas este verán. A voceira nacionalista insta a que se acometan canto antes as que quedan pendentes e son fundamentais para a seguridade do alumnado e a salubridade do centro, como o recubrimento das columnas do patio, a reparación dos firmes ou a instalación de ramplas de acceso aos edificios.



Comparte éste artículo
No hay comentarios