Néstor Rego: “As forzas de ámbito estatal altérnanse na discriminación coa Galiza: din unha cousa cando está na oposición e fan a contraria cando están no Goberno”.
O Bloque Nacionalista Galego rende contas en Ferrol sobre o traballo realizado nas Cortes do Estado e os avances conseguidos durante esta lexislatura. Nun almorzo informativo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme da Silva, acompañados pola responsábel comarcal, Pilar Lozano, e o portavoz municipal, Iván Rivas, explican as principais iniciativas impulsadas pola organización nacionalista, tanto no ámbito das políticas sociais como no avance de infraestruturas estratéxicas para a Galiza e, en particular, para a comarca de Ferrol.
“O traballo do BNG nas Cortes permite colocar as prioridades do noso País no debate político estatal e impulsar acordos orientados a mellorar a vida dos galegos e das galegas. Frente ao silencio dos deputados e deputadas das forzas estatais, o BNG representa a política centrada no País e coherente que traballa para corrixir as discriminacións históricas que sofre a Galiza” enuncia a responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, durante o encontro.
Pola súa parte, o voceiro municipal da organización nacionalista en Ferrol, critica o “confinamento” ao que leva anos sometido o sector naval, especialmente no relativo á construción naval militar, así como o endebedamento que mantén o Goberno do Estado, e en concreto o Ministerio de Defensa, coa cidade de Ferrol. “Se hai unha cidade, no cal as decisións que se toman desde Madrid son determinantes e fundamentais para o seu presente e o seu futuro, é Ferrol” afirma Iván Rivas.
“A presenza do BNG nas cámaras estatais son necesarias e determinantes para solucionar os problemas” subliña Rivas. Neste sentido, sinala a necesidade de que a representación nacionalista nas Cortes “aumente e se consolide” co obxectivo de conseguir máis avances e beneficios para Ferrol.
Cumprindo coa Galiza: impulso de políticas en favor das galegas e galegos
O deputado do BNG, Néstor Rego, destaca que está a cumprir cos compromisos adquiridos nas eleccións de 2019 e 2023: ser a voz da Galiza nas institucións estatais e actuar como “un muro de contención frente ao avance da dereita ultra e a ultradereita”. Segundo sinala Rego, estes compromisos materializáronse colocando a Axenda Galega nas Cortes do Estado.
“Hai actuacións que o Goberno non impulsaría se o BNG non estivese e hai actuacións que se o Goberno do Estado fará é porque o BNG estará insistindo. Moitas que teñen que ver con Ferrol como, por exemplo, a modernización do ferrocarril co impulso para o proxecto do by-pass de Betanzos, a modernización da liña Ferrol-A Coruña, etc.”sinala Rego.
Outras cuestións, máis de carácter social, impulsadas polo BNG que se están a materializar como o aumento das pensións mínimas e non contributivas, o incremento das semanas por permiso de maternidade e paternidade, a creación de xulgados específicos de violencia machista, etc.
O deputado nacionalista incide en que non houbo cuestión relevante que afectase á cidade de Ferrol ou á súa comarca que o BNG non levase ás Cortes do Estado. Entre elas destaca a iniciativas relacionadas co futuro e a dotación de Navantia, así como propostas en materia de infraestruturas ou financiamento.
“As forzas de ámbito estatal altérnanse na discriminación coa Galiza: din unha cousa cando está na oposición e fan a contraria cando están no Goberno” sentenza Rego. Un exemplo claro é o paradigma da AP-9 sobre a súa transferencia e rescate. “A única forza que mantén a coherencia é o BNG por iso é necesario ter máis capacidade de incidencia nas Cortes” conclúe o deputado, afirmando que un BNG con “catro ou cinco deputados tería máis capacidade de condicionar as políticas do Goberno”.
“Rey Varela traizoa os intereses de Ferrol no Senado” afirma Carme da Silva
A senadora do BNG, Carme da Silva, destaca entre os avances acadados os descontos de até 75% para as persoas usuarias da AP-9, unha rebaixa moi importante que cualifica de “fundamental” aínda que lembra que o obxectivo da formación nacionalista vai máis alá: “aspiramos a que sexa galega e libre de peaxes”.
Da Silva pon como exemplo recente o papel do BNG e do Partido Popular nunha iniciativa presentada no Senado onde o BNG pedía iniciar o rescate da concesión da autoestrada. Segundo explica Carme, os populares vetaron a proposta nacionalista.
“Grazas ao traballo do BNG no Congreso conseguimos, alén do Acordo de Investidura, que se incluíse na Lei de Mobilidade Sustentábel unha disposición onde, no prazo de seis meses, se instaurase o servizo de proximidade ferroviaria na Galiza” lembra. “Que fixo o PP no Senado? Tachar Galiza. Intencionadamente tachaban algo que para os galegos e galegas é fundamental: rematar cunha discriminación histórica” recrimina.
“Sistematicamente o Partido Popular vota en contra no Senado do dereito a empregar o galego na cámara. De facto, na lei de atención á clientela, o BNG introduce unha emenda para poder ser atendido en galego mais o Partido Popular intentou quitar este dereito” exemplifica Carme da Silva novamente o papel reaccionar dos populares.