O Grupo Municipal Socialista de Baralla, a través do seu voceiro, Jaime González del Río, denunciou a «inxustiza tributaria» do goberno local do PP, que rexeitou igualar as taxas de auga e lixo para toda a veciñanza.
Os socialistas defenderon no pleno deste xoves unha moción que reclamaba a exención do pago da auga e o lixo para os veciños mentres o alcalde, Miguel González, manteña a gratuidade destes servizos para os usuarios do aparcadoiro de autocaravanas.
A iniciativa buscaba corrixir a «discriminación evidente» de que os veciños paguen polos servizos básicos e os visitantes ocasionais os reciban de balde.
«Non pode haber veciños que paguen e outros que gocen gratis dos mesmos servizos. Reclamamos igualdade e xustiza tributaria,» subliñou González del Río.
O PP rexeita a exención e o alcalde recoñece gastos ocultos
O Partido Popular rexeitou a proposta. O voceiro socialista criticou que o alcalde tentase xustificar a súa negativa aludindo a investimentos que en realidade foron sufragados por outras administracións (Deputación de Lugo e Confederación Hidrográfica).
Ademais, González destapou que o rexedor «recoñeceu por primeira vez» un gasto de 40.000€ en reparación de avarías, gastos que o goberno local levaba anos ocultando.
«Mentres continúa sen cobrarlles nada aos usuarios do aparcadoiro de autocaravanas, anuncia mesmo wifi gratis para eles, ao tempo que obriga aos veciños de Baralla a pagar pola auga e o lixo. Isto é facer propaganda e usar os recursos públicos en contra da veciñanza,» engadiu o voceiro.
Incoherencia na condena á violencia política
O PSdeG tamén presentou unha moción para condenar os ataques contra partidos e cargos públicos, que foi aprobada.
Con todo, González del Río criticou a «incoherencia» do alcalde, quen empregou o debate para lanzar un «discurso incendiario, ao nivel de VOX» no que acusou ao PSOE de «politizar» e «polarizar» a sociedade, para despois votar a favor da moción.
O PSdeG-PSOE reafirma así o seu papel como unha «oposición útil», centrada en fiscalizar e denunciar as inxustizas e a falta de xestión do goberno local.