ADEGA instala a exposición do seu 50 aniversario en Santiago de Compostela, no marco dun completo programa de actividades para a cidade

A mostra itinerante, titulada “50 anos coidando a terra”, repasa a traxectoria da asociación ecoloxista na defensa do medio ambiente galego ao longo de cinco décadas.

A exposición que conmemora os 50 anos da organización ecoloxista ADEGA aterrou este venres 26 de setembro no Paseo da Alameda de Santiago de Compostela. O acto de inauguración e a primeira visita guiada pola mostra, que tivo lugar hoxe ás 12:00 horas e que contou coa presenza da alcaldesa, Goretti Sanmartín, marcan o arranque dun completo programa de actividades de educación ambiental e de reflexión pola defensa da terra que se desenvolverán en diferentes puntos da cidade desde este mesmo venres e ata o vindeiro martes, 7 de outubro. 

A mostra itinerante, titulada “50 anos coidando a terra”, repasa a traxectoria de ADEGA na defensa do medio ambiente galego ao longo de cinco décadas. Logo de pasar por diferentes concellos do país, como Carballo, Muros, Arzúa e Valdoviño, chega agora á capital galega, onde permanecerá instalada no Paseo da Alameda ata o martes 7. 

Manolo Soto, membro da directiva de ADEGA, foi o encargado de conducir o acto de presentación, no que deu a benvida ás persoas asistentes e agradeceu o apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña na posta en marcha desta mostra, así como a presenza de colectivos como a Plataforma pola Defensa do Río Sar, a asociación A Rula e a asociación Máis que mel; e do concelleiro de sustentabilidade ambiental, Xesús Domínguez, e a socialista Marta Abal. 

Soto destacou a importancia de reflexionar sobre a traxectoria da organización e as loitas nas que estivo implicada: “Houbo moitos fracasos, pero tamén moitos éxitos que hai que ter en conta”. Subliñou, ademais, os piares que definen ADEGA: a defensa da biodiversidade e dos ecosistemas como base da vida, o compromiso coa paz e a denuncia do armamentismo, así como a protección do patrimonio cultural e da lingua galega.

Tamén tomou a palabra a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que quixo parabenizar “un traballo absolutamente imprescindible para artellar o tecido en defensa do territorio galego”. Destacou o papel das persoas que, con «valentía, xenerosidade e compromiso», sementaron hai 50 anos unha iniciativa que foi medrando ata converter ADEGA na organización «de referencia do ecoloxismo galego». «Se non existise, habería que inventala», sinalou, ao tempo que apelou a continuar camiñando con forza cara ao futuro: “Por cincuenta anos máis de defensa da terra!”.

A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis repartidos en catro tótems cúbicos, acompañados de varios bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos en alusión á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas con maior impacto dentro e fóra de Galiza. Os contidos ofrecen un percorrido pola historia da organización, a través do relato das principais ameazas ambientais ás que se enfrontou o país nos últimos 50 anos. Esta iniciativa, que conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña, procura, xa que logo, conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental en Galiza e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra.

Ciclo de actividades de ADEGA en Compostela

A exposición forma parte dun amplo ciclo de actividades organizado por ADEGA en Santiago de Compostela entre o 26 de setembro e o 7 de outubro, co que a asociación decana do ecoloxismo galego celebra e reivindica o seu medio século de traxectoria. O programa, desenvolvido en colaboración co Concello de Santiago, busca achegar á veciñanza compostelá e ao conxunto da cidadanía galega a historia, a evolución e os desafíos presentes e futuros do movemento ecoloxista no noso país.

Tras a inauguración da mostra “50 anos coidando a terra” e a súa primeira visita guiada, a programación continúa xa este mesmo venres pola tarde no Centro Sociocultural do Ensanche, cunha dobre cita: a proxección do documental A terra por gañar (18:00 h) e a mesa redonda “ADEGA, unha historia de compromiso coa terra” (19:30 h), na que persoas destacadas da organización como Ramón Varela, Manolo Soto e María Lafuente repasarán cinco décadas de activismo e educación ambiental. Pechará o acto o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez.

Durante os oito días seguintes, Compostela acollerá obradoiros, roteiros, proxeccións, mesas redondas e actividades de educación ambiental en diferentes espazos da cidade, entre as que destacan:

  • Luns 29 de setembro: obradoiro de reciclaxe no Centro Sociocultural Fontiñas (17:00 h).
  • Martes 30: visitas á EDAR de Aríns (11:00 h) e á exposición da Alameda (16:30 h).
  • Mércores 1 de outubro: documental A terra por gañar (18:00 h) e mesa redonda “O movemento social compostelán na defensa da terra” (19:30 h), na Casa das Asociacións de Cornes.
  • Xoves 2: roteiro “Refuxios de vida e lendas” no Pedroso (16:30 h).
  • Venres 3: instalación da exposición no IES Xelmírez I (12:00 h) e proxección-coloquio no Centro Sociocultural Santa Marta (19:30 h).
  • Luns 6: descuberta de biodiversidade nas charcas do Pedroso (16:30 h).
  • Martes 7: inspección do Proxecto Ríos no Sarela (16:30 h).

As actividades con prazas limitadas —como o obradoiro, a visita á EDAR, o roteiro, a descuberta de biodiversidade ou a inspección no Sarela— requiren inscrición previa a través do formulario dispoñible en bit.ly/50anos_compostela. En paralelo, a exposición tamén visitará varios centros de ensino composteláns co obxectivo de achegar ás novas xeracións a memoria e a importancia do ecoloxismo galego. Estará no IES Xelmírez I (3–10 de outubro), no IES Xelmírez II (20–24 de outubro) e no IES de Sar (24 de outubro–5 de novembro).

Con esta programación, ADEGA quere celebrar 50 anos de loita en defensa da terra e, ao mesmo tempo, abrir un espazo de reflexión colectiva sobre os retos ambientais que enfrontamos como sociedade. O ciclo é tamén unha chamada a sumar novas vontades de compromiso coa defensa da terra e do medio ambiente galego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios