«San Simón», a película de Miguel Ángel Delgado, chega este venres 24 ás salas de cine

O filme narra a historia da illa cando foi convertida en campo de concentración durante a época franquista. Entre os membros do equipo artístico e técnico destaca a participación de fillos e netos dos presos de San Simón 

A película poderá verse a partir deste venres en máis de vinte pantallaschegando ás catro provincias galegas

Este 24 de outubro o filme San Simón, de Miguel Ángel Delgado, chega ás salas de cine. Despois de estrearse mundialmente no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, facerse coa Calpurnia ao Mellor Filme Galego no Festival de Cine de Ourense, e visitar a Mostra de Cinema Internacional de Sao PauloSan Simón tivo tamén un pase privado para equipo e institucións en Vigo patrocinado polo Concello de Vigo e unha estrea comercial con pase especial en Numax (Santiago de Compostela) o xoves 23 de outubro.

A partir deste venres, o filme poderá verse nos Cines Cantones (A Coruña), Central (A Estrada), Teatro Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), Avenida (Caldas), Xunqueira (Cee), Duplex (Ferrol), Codex, Cristal e Yelmo (Lugo), Círculo de Bellas Artes (Madrid), Hollywood (Monforte), Odeón (Narón), Seixo (Marín), Ponte Vella (Ourense), Cinexpo (Pontevedra), Numax (Santiago de Compostela), Valladolid (Broadway), Multicines Norte, Tamberlick e Yelmo (Vigo) e Multicines Gran Arousa (Vilagarcía de Arousa).

A historia de San Simón sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos «pechados». San Simón destaca pola súa insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega. 


Filme SAN SIMÓN | © Mario Llorca

Construíndo a memoria desde o punto de vista das vítimas

San Simón narra a historia deste campo de concentración que se fundou na pequena illa galega desde os primeiros días da sublevación militar que non deixa de ser unha metáfora do que pretendía crear o fascismo: unha inmensa prisión. Case seis mil persoas de toda España pasaron por ela durante os sete anos que estivo en funcionamento. Era un proxecto totalizador cuxo obxectivo buscaba –literalmente– encerrar a un pobo nunha illa.

“A historia dos campos non supón unicamente unha crónica negra, tamén nos obrigan a preguntarnos sobre a vixencia de conceptos como a democracia, a dignidade, a liberdade ou os dereitos humanos”, indica Miguel Ángel Delgado, o director do filme.

A película rodouse na localización orixinal onde tiveron lugar os acontecementos na illa: os edificios, os peiraos, a ponte de pedra que une ambos os illotes, a chaira da illa, os areais que a rodean. Para filmar os interiores a produción tivo que trasladarse a localizacións fóra da illa como a ETEA de Vigo, o Convento de Santa Clara de Pontevedra ou A Cova da Moura no concello de Cenlle.

Equipo: desde actores profesionais ata familiares dos presos da illa

O elenco de San Simón mestura actores e actrices profesionais con actores e actrices sen experiencia previa. Entre eles están Flako Estévez, Alexandro Bouzó, Guillermo Queiro, Ana Fontenla, Mª del Carmen Jorge, Manuel F. Landeiro, Lucía Amarelle, Javier Varela, Tatán, Darío Fernández ou Andrés Giráldez. Entre os membros do equipo artístico e técnico destaca a participación de fillos e netos dos presos de San Simón. 

No equipo técnico, Miguel A. Delgado (guionista e director), Andrea Vázquez (produción executiva), Aleix Castellón e Analía G. Alonso (directores de produción), Lucía C. Pan (directora de fotografía), Inés Rodríguez (directora de arte), Uxia Vaello (deseño de vestiario) e Daniel Fernández (son directo).

San Simón está producida por San Simón la película AIE, Miramemira, Morelli Producciones en coprodución con Bando à Parte (Portugal). Conta coa financiación do ICAA, a subvención da AGADIC; a participación de: RTVE, Televisión de Galicia, RTP, Castilla-la Mancha Media, Deputación de Pontevedra; e coa colaboración da USC Universidade de Santiago de Compostela – HISTAGRA e a Asociación O Faiado da Memoria. Distribúen Baños Films e Linde Films.
Miguel Ángel Delgado. O director

Artista visual e cineasta. Licenciado en Comunicación Audiovisual (UCM). Realizou proxectos en Tabacalera Centro de Arte, Seoul Art Space, Festival Márgenes, MaximiliamsForum coa colaboración de NS-Dokumentationszentrum München, Round the corner Lisboa, Picnic sessions CA2M. Artista residente Hangar–AECID. Docente de cinema experimental no Máster de Formación Permanente en Artes e Profesións Artísticas de Escola SUR (UC3M-CBA) e cineasta colaborador do programa Cinema en Curs. Coordinador e titor, xunto a Nicolás Combarro, do programa ACHEGA, formación en arte contemporánea en Palestina AECID/Consulado de España en Xerusalén. Comisario de exposicións: Novos Imaxinarios en Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela. Nuevos Imaginarios, Centro de Cultura Contemporánea Condeduque. Fundador de Morelli Producciones, produtora cunha longa traxectoria de proxectos en centros como Tabacalera de Madrid, Museo Thyssen ou Círculo de Belas Artes.

Filmografía:

• San Simón (2024) | Guión e Dirección. 
• Alberto García-Alix. La línea de sombra (2017) | Produción. Dirección de fotografía e Montaxe. 
• San Simón. A colonia penitenciaria (2024) | Guión e Dirección. 
• La línea de sombra (2018) | Dirección. Documental interactivo
• Industrial Travelling (2012) | Guión e Dirección.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios