Castiñeira: “A xestión do PP de Foz co expediente da nova depuradora é o mellor exemplo de boa xestión municipal”

O Partido Popular de Foz acompañou hoxe á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático na visita ás obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) que a Xunta de Galicia está a construír no municipio.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, subliñou o compromiso total do PP de Foz con esta infraestrutura, esencial para o presente e futuro da vila. “A xestión do PP de Foz coa nova depuradora é o mellor exemplo de boa xestión municipal, xunto co PXOM, dos últimos anos. Dende o primeiro día que chegamos ao goberno municipal traballamos para facer realidade esta obra, que era unha demanda unánime dos veciños e dos colectivos locais”, destacou Castiñeira.

O líder popular lembrou que xa en 2016, durante o seu mandato como alcalde, se asinou o convenio de financiamento coa Xunta de Galicia, logo de acordar coa agrupación independente Foz Plataforma de Futuro a ubicación definitiva da infraestrutura, situada no lugar onde hoxe se executan os traballos.

Castiñeira destacou que, ante o mal funcionamento da antiga depuradora, o Partido Popular cumpriu co compromiso adquirido coa veciñanza, tanto no goberno como na oposición. “Conseguimos que Foz vaia a dispoñer dunha infraestrutura moderna e eficiente, sen custo algún para os focenses, o que supón un éxito rotundo das xestións realizada”, afirmou o voceiro popular.

O PP de Foz confía que a obra poida rematarse nos próximos meses e que a nova depuradora entre en funcionamento canto antes, mellorando o saneamento e a calidade ambiental no municipio.

Finalmente, Castiñeira agradeceu á Xunta de Galicia o seu compromiso absoluto con Foz e con esta actuación, que supón un investimento superior aos 12 millóns de euros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios