O PP urxe ao alcalde de Pol a cambiar a localización do PAI municipal ante as “condicións deplorables” das actuais instalacións

Grueira sinala que coa chegada do inverno, “os nenos e nenas están sufrindo as consecuencias” porque, incluso, se encharca o propio acceso ás instalacións actuais sen que o goberno local se preocupe pola situación.

A voceira municipal do PP de Pol, Nicole Grueira, urxe ao alcalde socialista, Lino Rodríguez, “a cambiar a localización do Punto de Atención á Infancia (PAI) municipal para garantir que o servizo se preste en óptimas condicións para os nenos e nenas”; xa que “as actuais instalacións se atopan nunhas condicións deplorables”.

Grueira subliña que, “coa chegada do inverno e as chuvias, os nenos  e nenas están sufrindo as consecuencias”, porque, incluso se encharca o propio acceso ás instalacións actuais sen que o goberno local se preocupe pola situación. “Isto reflicte a falta de sensibilidade cos máis pequenos e coas súas familias que merecen unhas instalacións axeitadas”, incide.

A popular lembra que “dende o Partido Popular puxemos innumerables solucións enriba da mesa”, pero “o alcalde négase a trata o tema coa responsabilidade que merecen as familias de Pol”. De feito, no último Pleno do Concello vetou varias iniciativas do PP entre as que se atopaba unha para “estudar o traslado do PAI a unha nova localización máis axeitada, segura e accesible e dotar ao novo espazo de todos os recursos necesarios para a prestación do servizo”.

De feito, “o Concello dispón de inmobles e espazos públicos que cumpren as características técnicas para poder acoller o servizo con máis garantías, proporcionando unha atención máis digna, cómoda e segura tanto para os nenos e nenas como para o persoal”, sinalou.

Nicole Grueira subliña tamén que “as competencias sobre o PAI son de carácter municipal” polo que “ten que ser o Concello o que busque unha solución e ofreza o servizo en condicións”. Así, agarda que o alcalde reaccione porque “o único que dixo por agora é que quería pechar este servizo” que “é moi importante para a conciliación das familias”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios