A presión do PP consegue o estudo do Pazo, mentres acusa ao Goberno de Lugo de «desidia» por dilatar a súa viabilidade máis de dous anos

A presión do Partido Popular consegue que o goberno provincial de PSOE e BNG dea os primeiros pasos para a ampliación do Pazo dos Deportes á que se comprometera fai máis dun ano, en outubro de 2024, nunha reunión coas distintas administracións e o CB Breogán na que amosaran o seu interese en colaborar. “Tardaron máis dun ano e, unha vez inician o procedemento de contratación, establecen un prazo doutros 12 meses para a execución do estudo de forma que se estende por un período de máis de 2 anos saber se se pode facer a intervención ou non” e, posteriormente, dilataríase tamén no tempo para a redacción do proxecto, a licitación do contrato de obra e, posteriormente, o que se estenda a execución das obras.

“Máis dun ano de demora e outro ano máis para estudar a posible ampliación evidencia que PSOE e BNG non teñen intención real de executar esta importante obra neste mandato, senón que só lles interesa ter relato e foto de cara á vindeira campaña das eleccións municipais”, segundo manifesta o portavoz do PP, Antonio Ameijide.

“O pasado mércores 24 de setembro visitabamos o Pazo dos Deportes para comprobar o estado de execución das obras, as molestias que ocasionan na actividade diaria destas instalacións deportivas, analizar as necesidades dos clubs e a falta de noticias sobre a posible ampliación do seu aforo”. Nese momento, “esiximos publicamente unha resposta e á vista da ausencia de noticias volvemos insistir o pasado venres 7 de novembro e hoxe tivemos coñecemento, a través dun decreto, da contratación do estudo por un importe de máis de 17.000€”, segundo explica o popular.

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, asegura que “chama poderosamente a atención que tardaran máis dun ano en tramitar un contrato menor cando, por exemplo, no último trimestre do ano pasado tramitaron ata 124 contratos”. E, ademais, demóstrase que “se o Partido Popular non se interesa polos proxectos paralizados, o goberno de PSOE e BNG non se move”. Neste caso, “non lles quedou máis remedio que reaccionar”.

Así, os populares piden “celeridade” porque co prazo para estudar a ampliación “os lucenses teremos que agardar un ano máis para que a Deputación diga se é viable ou non”. E, despois, “aínda habería que agardar á redacción do proxecto, a licitación do contrato de obra e, posteriormente, o que se estenda a execución das obras. Por culpa da desidia da Deputación perdemos uns 25 meses e aínda faltan anos, no mellor dos casos, para ver a ampliación”.

“Mentres, os centos de afeccionados ao baloncesto que se quedan fóra sen poder ver os partidos dos equipos da nosa cidade como, por exemplo, os que están en lista de espera para poder abonarse ao CB Breogán, o equipo lucense na categoría raíña, e para os que non hai aforo terán que seguir agardando unha temporada máis”, engadiu.

Ameijide subliña que “o Partido Popular apoia o Pazo e as infraestruturas deportivas”. De feito, segundo lembran “foi impulsor desta infraestrutura deportiva na cidade de Lugo, unha cidade de baloncesto e deporte”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios