Tomé sitúa as explotacións de Lugo “á vangarda de Europa” na inauguración das Xornadas de Vacún de Leite de SERAGRO

Subliñou ademais José Tomé que a Deputación aposta firmemente polo sector primario, “con iniciativas como a Granxa Gayoso Castro, que complementa o traballo da Universidade e das cooperativas”.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na inauguración das XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro Sociedade Cooperativa Galega, que reúnen a 700 profesionais -entre gandeiros, técnicos e expertos do sector- entre hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. 

Na súa intervención, José Tomé deu a benvida aos asistentes e salientou que esta cita co que colabora a institución provincial cunha achega económica de 12.000€, “consolídase como un punto de encontro esencial para o sector lácteo galego e español”. Engadiu que, durante estes dous días, “Lugo convértese na capital do coñecemento gandeiro, un lugar onde se comparten experiencias, se debaten retos e se constrúe futuro. E iso é o que mellor define a forza deste sector: a súa capacidade para aprender, para innovar e para avanzar xuntos”.

Nesta vixésimo segunda edición, as xornadas abordarán asuntos de relevancia para o sector como as novas normativas ambientais, o coidado da recría, a agricultura de precisión, a intelixencia artificial aplicada á xestión das granxas e o benestar animal. Tamén se tratarán cuestións prácticas como a xestión do persoal, os aspectos fiscais e o manexo diario nas explotacións.

“O sector do leite en Galicia, e especialmente na provincia de Lugo, é un exemplo de profesionalización e de modernidade. Está á vangarda tecnolóxica e produtiva en Europa”. Subliñou o Presidente que esta posición non foi por casualidade, senón que “é froito do esforzo das explotacións, do apoio das cooperativas, da implicación das institucións e tamén, moi especialmente, do traballo da Universidade de Santiago a través do Campus Terra de Lugo”.

O mandatario provincial referiuse ás aulas e aos laboratorios da Facultade de Veterinaria para destacar “que moito do que hoxe se aplica nas granxas xurdiu no Campus lucense”. Neste senso, destacou que “a investigación e a transferencia de coñecemento teñen en Lugo o seu berce, e grazas a ese vínculo coa Universidade, as explotacións son máis eficientes, sostibles e competitivas”.

José Tomé tamén destacou o compromiso da Deputación co sector primario mediante iniciativas como a Granxa Gayoso Castro, “que complementa o traballo da Universidade e das cooperativas”. Xunto con instalacións como o Centro Experimental de Leite ou os programas de recría de Rubia Galega, forman un ecosistema de apoio que reforza a profesionalización e modernización das explotacións da provincia.

Nas instalacións da Deputación en Castro de Rei ofrécense solucións reais para os gandeiros e gandeiras da provincia, co obxectivo de que producir leite en Lugo siga sendo viable, sostible e atractivo para as novas xeracións. “Temos coñecemento, temos orgullo e temos futuro. Sigamos demostrando que o rural galego é un lugar de innovación, oportunidades e vida”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios