O Ineltrón Santo Domingo Betanzos visita o Traumacor Culleredo

Primeiro derby da temporada en Tercera FEB.

Escenario nada fácil para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos tras a súa segunda derrota consecutiva. Sen solución de continuidade, o Traumacor Culleredo espera no Burgo o serán do sábado, no que vai ser o primeiro derby da temporada entre os equipos da área de influencia da Coruña. O equipo dirixido por Luis Folla, vello coñecido dos betanceiros, é un conxunto que, malia o irregular comezo de liga, conseguiu sumar nas dúas últimas xornadas, igualando a ratio dos seus rivais (3 gañados e 3 perdidos) situándose na metade da táboa. Nas súas filas continúan xogadores coma os irmán Añón (Álvaro e Christian), Fernando Vidal (con pasado no equipo rival), Alberto Corbacho, García-Garabal e o italiano Espinoza Orozco, aínda que boa parte da plantilla está conformada por novas fichaxes: o vasco Xabier Igoa, o senegalés Khadim Fall (outro xogador con pasado no Santo Domingo), o estadounidense Daniel Joseph William e Pablo Sanjurjo, acabado de chegar do club betanceiro.

Así valora o partido o adestrador do Ineltrón, José Amando Pena “Soviético”: “Partido importantísimo para as aspiracións dos dous equipos. Creo que vai ser un encontro moi igualado, con dominio do xogo interior por parte de Culleredo e do exterior por nós. A pesar das baixas, o equipo vai con moita ilusión e quere volver á senda da vitoria despois das dúas últimas derrotas. A clave estará en parar o seu xogo interior, sobre todo a Williams e a Fall. Temos que multiplicarnos en defensa para impedir que anoten con facilidade ou xeren xogo para os exteriores. Por outro lado, temos que asegurar un rebote defensivo que nos permita realizar transicións de ataque rápidas. O Culleredo é un equipo moi ben traballado tanto en defensa coma en ataque”.
Á cita, prevista para o sábado ás 19.30h no pavillón do Burgo, en Culleredo, asistirá sen dúbida un bo número de seareiros do Santo Domingo, como acontece decote en derbies semellantes.

Completa xornada de fin de semana para o club betanceiro

Polo demais, a fin de semana do 15-16 de novembro (con adianto o venres 14, cando os júnior masculino xogan partido suspendido no seu día contra Compañia de María) contempla, malia o descanso de varias categorías, unha nutrida axenda. No que toca aos demais equipos sénior á marxe do primeiro equipo, o feminino xoga contra Artai o domingo, La Goleta en Meira (Lugo) ese mesmo día e outro sénior de Terceira na Coruña, contra Adfro, a tarde do sábado. O Infor-B júnior feminio viaxa a Arteixo o domingo á mañá, os cadetes de J.Caamaño Arquitecto a Coruña para medírense ao Básquet Coruña, e, á véspera, os de Grelo reciben na casa a Cambre B. Polo que respecta ás categorías infantís e os de canastra pequena, o Cyrdega infantil masculino xoga contra Compañía de María B, o Warnier infantil feminino contra Montrove, o premini masculino contra Arteixo e o premini feminino contra Jesuitinas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios