A Volta a Galicia ofrece unha edición de altura dende este xoves

por Redacción Deportes

A rolda autonómica elite-sub23 homenaxea a Gustavo César Veloso cunha participación de luxo e un percorrido moi duro que arranca na vila lucense de A Pobra do Brollón

Unha contra o reloxo individual de 6,7 quilómetros dá inicio este xoves á 21ª Volta a Galicia para ciclistas elite-sub23. Será o aperitivo dunha rolda de altura, tanto polo nivel de participación como pola esixencia dun percorrido no que A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives e a cidade de Pontevedra exercerán de capitais. Nas catro xornadas de competición que conclúen o domingo, o pelotón de 112 corredores e dezaseis equipos acumulará 436 quilómetros tendo que ascender nove portos de montaña puntuables nunha edición que está dedicada a Gustavo César Veloso.

O actual director deportivo do conxunto portugués Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua pedaleou durante 20 anos como ciclista profesional. Para homenaxear a unha das grandes figuras autonómicas deste deporte no que vai de século, a Federación Ciclismo Galego bríndalle a rolda por etapas que organiza e na que a emoción está garantida dende o primeiro ao último metro. Calquera das catro xornadas pode resultar determinante na loita pola camisola amarela.

O pano da Volta levántase ás 18:00 horas deste xoves cun prólogo na Pobra do Brollón, onde se ascende a costa de A Pousa e poden rexistrarse diferenzas que marquen o guión da carreira. Ao día seguinte, esta localidade lucense volverá ser o punto de saída e de chegada. O primeiro contacto coa alta montaña porase en marcha ás 12:00 h e no itinerario de 148 km polas comarcas de Sarria e Terra de Lemos os corredores terán que subir tres portos de montaña cuxa dificultade vai en aumento. No km 21 coroarase o Alto de Oural (3ª categoría), no km 103 o de A Casela (2ª) e no km 120 a ascensión de 1ª a Airapadrón.

Trives e Pontevedra

O sábado a caravana desta rolda elite-sub23 desprazarase ao municipio ourensán da Pobra de Trives para disputar a súa etapa raíña, de novo de 148 km. Despois dun selectivo inicio co alto da Ermida (3ª) no km 6, chegará a temida ascensión de A Moá (1ª) antes do ecuador do percorrido pola zona oriental da provincia, que concluirá na subida final de 3ª á capital da da Comarca de Trives.

O desenlace da Volta terá o domingo pola mañá como escenario a cidade de Pontevedra e a súa contorna. As tres principais dificultades montañosas concéntranse na segunda parte dunha tirada de 133 km: Pé da Moa (3ª), Lago de Castiñeiras (2ª) e O Pituco (3ª). O cumio da última subida puntuable atópase a 9,5 km da liña de meta na Praza do Concello da Boa Vila.

Oito equipos galegos

A lista de inscritos nunha das últimas citas da temporada estatal é de luxo. Os cinco mellores equipos do ranking sub23 da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e os dous primeiros da clasificación élite formarán parte do pelotón da Volta.

A metade dos dezaseis conxuntos participantes son galegos -Supermercados Froiz, High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo, Vigo-Rías Baixas, Louriña – Team XE, Retelec-Ambilamp, Padronés-Cortizo, Team Oiense-Escuela Estévez e o Club Ciclista Vigués- e representando ao ciclismo  doutras comunidades autónomas estarán o Eolo-Kometa (Comunidade de Madrid), Gomur (Cantabria), Nesta MMR (Asturias), Maglia Tecnosylva-Bembibre (Castela e León), Bicicletas Rodríguez (Estremadura), Telco’m On Clima Osés, Finisher-Kern Pharma, e Caja Rural – Alea (Navarra).

O rival a bater será o Eolo-Kometa, a estrutura pertencente á Fundación Alberto Contador e que se adxudicou a xeral da Volta nas dúas últimas edicións. No 2021 venceu por medio de Álex Martín e no 2022 triunfou con Fernando Tercero. Ademais da camisola amarela da Xunta de Galicia estarán en xogo os maillots da Montaña – Toyota Compostela Móvil, do Mellor Sub23 – B Travel, das Metas Volantes – Norinver e do Mellor Galego – Vicepresidencia Deputación de Lugo.

Retransmisión en directo

As etapas da Volta a Galicia poderán seguirse en directo dende calquera parte do mundo a través da retransmisión en streaming que ofrecerá SportpublicTV na súa canle de YouTube. Os contidos sobre a rolda autonómica elite-sub23 compartiranse nas redes sociais co cancelo #VoltaGalicia2023 e toda a información da proba está na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com

></p></div><div class=

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario