O 73-68 final certifica unha vitoria que estivo no aire durante boa parte do partido
Nun deses partidos que hai que gañar de calquera das maneiras, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos logrou romper a mala serie de tres derrotas consecutivas e sumar a cuarta vitoria da temporada. Porén, non foi nada doado. Se o rival sobre o papel se podía prestar para un exercicio balsámico (equipo acabado de ascender, con varios lesionados, e unha plantilla sen apenas fichaxes) a verdade é que o numeroso público que acudiu ao José María Valeiro Iglesias “Tocayo” (entre eles case un centenar de seareiros vidos dende Vilagarcía) presenciou un partido, igualado en todo o momento, en que as vantaxes locais axiña eran contrarrestadas por un rival que, espoleado por Pablo Fernández Carballo (23 puntos), Óscar Castaño (13 puntos) e Adrián Kovac (12 puntos dende o perímetro), logrou levar o primeiro cuarto (15-16) e empatar o segundo (19-19) para marchar ao descanso con vantaxe.
Parecía que o Santo conseguía romper o partido (+9 tras tripla de Dani Martín), pero os visitantes, lonxe de tirar a toalla, asinaban un parcial de +12 para deixar todo aberto. Afortunadamente, no último cuarto os locais tiraron de oficio e conseguiron unha renda de 5 puntos nos dous últimos minutos que souberon xestionar deica o final, grazas a unha tripla providencial de Miguel Latas e outra sobre a bucina de 24 segundos dun Luis Portilla que, máis unha vez, volveu exhibir as súas extraordinarias credenciais (19 puntos, 13 rebotes e 30 de valoración). Bo partido de Dani Martín (15 puntos) e de Randolph Acevedo (13 puntos e 9 rebotes) e importante regreso ás pistas de Miguel Latas tras a lesión (10 puntos e 7 rebotes). Así valoraba o encontro este último: “Estivemos moi frouxos en defensa, sobre todo contra a zona que nos fixeron a partir do segundo cuarto. A charla do descanso serviunos para reorientar un pouco a cousa e… Ben, non pensei que fose xogar hoxe -diagnosticáronme unha agmidalite- pero as cousas sairon ben ao final, que é o que importa”.
Pola súa parte, José Amando Pena “Soviético”, ofrecía ao remate do partido as seguintes valoracións: “Encontro axustado que logramos levar ao rego nos últimos minutos, cando fomos quen de controlar un pouco o ritmo de xogo. Non foi un bo partido, pero ao final conseguimos sumar, o que, nunha liga tan complicada como esta, non é pouco”.