Na mañá deste ayer luns 24 de novembro tivo lugar na Casa do Concello de Noia a presentación oficial da obra “Un matrimonio sin filtros”, escrita e protagonizada por Javier Veiga xunto a Marta Hazas. O espectáculo representarase no Teatro Coliseo Noela os días 18, 19, 20 e 21 de decembro.
No acto participaron Manolo Seijas, tenente de alcalde do Concello de Noia; Chelo Martínez, concelleira de Cultura; Francisco Pérez, alcalde de Noia; e o actor galego Javier Veiga.
Durante a presentación, Manolo Seijas destacou que se trata “dun éxito asegurado”, sinalando que é unha obra con grande proxección a nivel estatal e que “é un privilexio poder acollela en Noia”. Pola súa parte, Chelo Martínez subliñou “o orgullo que supón traer ao noso municipio espectáculos desta dimensión”, reforzando o compromiso da área de Cultura coa programación de calidade.
O alcalde, Francisco Pérez, salientou que “Noia continúa a ser un referente cultural de primeiro nivel, con espazos únicos como o propio Teatro Coliseo Noela”, poñendo en valor a relevancia cultural e social do Coliseo Noela para o municipio.
Pechou o acto o propio Javier Veiga, quen afirmou que Noia continúa a ser “un lugar especial” para el, lembrando que esta será a terceira vez que presenta un espectáculo na vila. O actor referiuse ás súas anteriores visitas como “auténticos éxitos” e expresou o seu agradecemento ao Concello pola súa acollida e apoio continuado.
Con esta nova produción, Noia consolídase unha vez máis como un referente cultural na comarca, ofrecendo ao seu público propostas teatrais de primeiro nivel.