Valentín González Formoso e o alcalde, Alberto Romar, asinan o convenio para renovar o firme e reforzar a seguridade viaria nun percorrido de preto de catro quilómetros.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, asinaron hoxe o convenio de colaboración para financiar as obras de mellora da pavimentación do viario que conecta Os Amezóns, Portochán e Carboeiro. A institución provincial achegará 196.181,60 euros, o 80 % do orzamento total de 245.227 euros, mentres que o Concello asumirá os 49.045,40 euros restantes. No acto participou tamén a concelleira Noelia Baleato.
A actuación permitirá mellorar as condicións de circulación e a seguridade nunha vía utilizada a diario pola veciñanza, vehículos de transporte e maquinaria agrícola. O firme presenta actualmente un deterioro importante, con fochancas e problemas de evacuación das augas pluviais que fan necesaria unha intervención tanto sobre o pavimento como no sistema de drenaxe.
O proxecto abrangue preto de catro quilómetros de rede viaria municipal. Inclúe os 1.785 metros do tramo entre Os Amezóns e Portochán e os 1.700 metros que unen Portochán con Carboeiro, ademais dos ramais dos Amezóns, Carboeiro e Portomadeiro.
Os traballos consistirán na reparación das zonas deterioradas e na extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico de cinco centímetros de espesor. A intervención completarase coa limpeza e apertura de cunetas e coa instalación de tubos de drenaxe nos accesos a camiños municipais, para facilitar a evacuación da auga e evitar que siga danando o firme. A limpeza de cunetas estenderase tamén ao viario de conexión con Val do Dubra, ata o límite municipal.
Para reforzar a seguridade, instalaranse tres redutores de velocidade no tramo dos Amezóns a Portochán e renovarase a sinalización horizontal e vertical, con marcas nos bordos da calzada, sinais de stop e de advertencia dos redutores, así como placas identificativas dos núcleos de poboación.
O convenio permitirá atender unha necesidade de conservación da rede municipal nun concello con máis de 135 núcleos de poboación, onde o mantemento das vías resulta fundamental para os desprazamentos cotiáns e a actividade económica do rural. O prazo de execución das obras é de catro meses.