A XUNTA reafirma o seu apoio ao tecido industrial lucense para seguir avanzando cara un modelo moderno e sostible

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe a aposta do tecido industrial lucense “por avanzar cara un modelo moderno e sostible”, un desafío no que “seguirán contando coa colaboración da Xunta a través dunha ampla batería de axudas e programas orientados a apoiar a modernización, a dixitalización, a internacionalización, a innovación e a transición verde”.

Arias participou na clausura do foro Conecta Lugo sobre industrialización sostible, impulsado pola Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e pola Confederación de Empresarios lucense (CEL). A xornada serviu para intercambiar información e experiencias entre representantes dos ámbitos científico, da industria e da administración. Unha das relatoras foi a divulgadora científica Deborah García Bello.

O delegado subliñou que o modelo industrial lucense “combina sectores tradicionais moi sólidos con novas iniciativas baseadas na tecnoloxía, a eficiencia enerxética e a innovación”. Destacou como retos de futuro “seguir modernizando a nosa industria, atraer novos investimentos, consolidar empresas que xa xeran emprego e riqueza e manter a colaboración entre todos os axentes do territorio”, uns obxectivos nos que “o empresariado atopará o acompañamento da Xunta”.

Reforzo dos apoios

Para iso, apuntou que se reforzarán os servizos da Oficina Económica de Galicia e potenciarase a rede de Polos de Emprendemento, co fin de axudar a empresas e emprendedores de todo o territorio.

Tamén seguirá en marcha o programa Conecta Lugo, con novas xornadas por toda a provincia “para ofrecer ás pemes apoio, orientación e oportunidades, tanto nas zonas urbanas como no rural”, dixo Arias. Puxo tamén en valor o impulso da Xunta ao Campus Terra e destacou a importancia de seguir colaborando en accións que favorezan a transferencia de coñecemento dende a universidade en beneficio da innovación empresarial.

No mesmo sentido, indicou que o Goberno galego seguirá impulsando o desenvolvemento de solo industrial, con investimentos como os que está a realizar no polígono das Gándaras, ao que leva destinado 60 millóns de euros. Esta área industrial conta con máis de 130 empresas asentadas, e xa está formalizado e contrato de redacción do proxecto de urbanización das fases VI y VII-B, que suman 352.153 metros cadrados. Ademais, están en marcha as obras das fases IV, V e VII-A, cunha superficie de 243.487 m2.

Por último, Arias lamentou que as medidas da Xunta para propiciar a industria e o emprego na provincia “contrastan coa acción do Goberno central, que con decisións como a de deixar a Lugo fóra dos plans de mellora da rede eléctrica non só lastra un proxecto concreto, senón que frea calquera iniciativa industrial no noso territorio”, concluíu.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios