A sociedade civil de Lugo arroupa a Isabel Rodríguez na homenaxe organizada polo PSdeG-PSOE

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo celebrou este sábado un acto de homenaxe a Isabel Rodríguez, nun encontro no que representantes do ámbito político, institucional e da sociedade civil quixeron acompañala e agradecer o traballo realizado durante a súa etapa como Subdelegada do Goberno en Lugo.

A cita, aberta á cidadanía e á sociedade civil lucense, reuniu a máis dun cento de persoas. Participaron responsables orgánicos e cargos institucionais do partido, entre eles o Secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación, José Tomé Roca; Pilar García Porto; Lara Méndez; o senador César Mogo; a deputada Patricia Otero; a nova Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández. Ademais, acompañaron no acto compañeiras e compañeiros socialistas, voceiras e voceiros, así como alcaldes e alcaldesas da provincia.

Na súa intervención, José Tomé Roca tivo palabras de agradecemento pola traxectoria política de Isabel Rodríguez, lembrando o seu labor como concelleira en Viveiro e a súa etapa á fronte da Subdelegación do Goberno, “sempre con sentido do deber e un firme compromiso co servizo público”.

Pola súa parte, unha emocionada Isabel Rodríguez agradeceu o acto organizado pola Executiva Provincial, destacando que “tiven a honra de representar a un Goberno socialista nunha provincia que durante moitos anos estivo esquecida”. Tamén tivo unha mención especial para José Tomé “polo apoio constante e pola confianza todos estes anos”.

Rodríguez expresou ademais o seu recoñecemento ao persoal da Subdelegación do Goberno polos sete anos de traballo conxunto, así como ás forzas e corpos de seguridade do Estado -Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local- pola súa colaboración diaria. Agradeceu igualmente o acompañamento de alcaldes, voceiros, secretarios xerais e militantes socialistas da provincia, así como do seu equipo de comunicación, amigos e amigas que asistiron ao acto. Tamén lembrou aos anteriores delegados e delegadas do Goberno cos que compartiu etapa institucional.

A modo de peche, fixo un chamamento á unidade interna: “Temos que estar todos unidos e traballar xuntos, porque sabemos o que temos en fronte. Se lle vai ben ao Partido Socialista, vainos ben a todas as veciñas e veciños da provincia de Lugo”.

Entre os asistentes atopábanse tamén representantes de colectivos e entidades sociais e económicas, como a CEL, a Federación Galega de Comercio, a Federación de Asociacións Veciñais, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Acudiron igualmente a Presidenta da Audiencia Provincial, Sandra Piñeiro; José Manuel Río Espiño, xefe da Policía Local; Luis Miguel Romera, comisario da Policía Nacional; Guillermo Brao, inspector xefe de Policía Nacional de Viveiro; Jesús Piñeiro, ex-xefe da Policía Local; Luis Abelleira, Presidente de APREVAR; Susana Vázquez, xuíza; e José Antonio Quiroga, Presidente da CHMS.

Comparte éste artículo
No hay comentarios