O Racing volveu defraudar á súa parroquia. Os máis de tres mil que se atreveron a baixar ao coliseo futbolístico ferrolán nunha noite fría e de choiva, só foron agasallados con media hora de fútbol aceptable. Pola contra, viviron un final lamentable, que puido amañar Mardones, a medias. A Malata comeza a fartarse do xogo insípido do equipo e pediu a marcha de Pablo López. Álvaro Carreras, madridista e ferrolán, prendeu as luces do Nadal ferrolán o venres, pero non alumaron a Pablo López un día despois, como se o brillo non chegara á fría e húmida enseada da Malata.
O Racing non aparece
Se o Racing quería redimirse da derrota en Baracaldo non puxo demasiado propósito no primeiro tempo. O Mérida controlou o partido desde os primeiros instantes, obrigando ao cadro galego a axustarse como podía atrás. E é que en cinco minutos a debilidade dos centrais verdes ficou ao descuberto nunha acción de Varo, na que fixo falta, e noutra de Areso, trazando unha ruptura que lle axudou a eludir a Parera e xutar, pero o coiro voou a rentes da trabe, por riba da cabeza do único defensor que se parapetaba pensando no indesexado ao non sentir o contacto do coiro no seu cabelo.
O Racing só tivo unha ocasión e foi aos dez minutos, nun centro desde a dereita ao que Pascu, emparedado, só puido colocar a cabeza para rematar moi desviado. Aos quince minutos, co Mérida mandando, Chiqui colocou un disparo que lambeu o pau, Foi parecido ao que logo faría Dibrani, aínda que algo máis centrado e algo máis apurado.
O Mérida non tivo máis ocasións claras no resto do período, pero conseguiu que o xogo correra sempre moi lonxe da área defendida por Csenterics. Foi mellor que o Racing, ao que apagou no centro do campo, sen dar saída ao seu xogo interior e limitándoo polas alas.
Final tolo coa Malata pedindo a cabeza de Pablo López
O Mérida non mudou no comezo da segunda parte, pero o Racing estivo máis intenso pola dereita. En dous duelos entre Álvaro Juan e Vergés o xogador local gañou ambos. No segundo, provocando unha falta lateral, mudou o partido. Peña lanzou, Zalaya foi empurrado por Luis Parejo e Peña enganou a Csenterics na execución do penalti.
O gol axudou ao Racing a xogar mellor aproveitando os riscos do Mérida.
Pascu, polo centro, non abriu máis camiño á súa dereita para atopar o apoio de Álvaro nunha contra. Decidiu resolver desde a frontal e o meta visitante chapou cunha estirada sobre o chan. Era o minuto 58.
Logo houbo un reparto de golpes. Parera detivo un disparo de Chiqui e Csenterics mandou por riba da trabe un potente remate de cabeza de Álvaro. O Mérida regalou un segundo córner e Jairo, co calcañar, non puido embocar ao desviar un xute de Álvaro Juan desde fóra da área.
Fran Beltrán moveu o banco para atopar solucións, pero o Racing non deu opcións. Os galegos puideron sentenciar nunha contra de Dacosta. Csenterics sacou o disparo e Escobar mandou logo a rentes da cepa do poste.
O partido revolucionouse nos últimos minutos. Unha penetración ate o fondo de Artola pola esquerda acabou cun centro xute rozado por Mardones. Parera non deu reaccionado e a pelota acabou dentro do marco (1-1).
A Malata pediu a cabeza de Pablo López, o Racing perdeu as distancias e Varo, cunha gran cabezada, virou o partido para o Mérida no comezo do prolongamento. Pouco antes, Csenterics salvara un gol a disparo de Edgar.
O Racing tentouno até o final e no prolongamento do prolongamento, Dacosta recibiu un centro no segundo pau, escorouse e centrou por riba do xigante Csenterics, procurando que algún verde empurrara sobnra a liña. A defensa sacou a pelota ao centro da área e Mardones puido completar cun disparo á rede.
Empate, como mal menor, que non esconde a crise de xogo do Racing desde a derrota en Lugo. Defensa fráxil e unha obstinación de Pablo López cun 1x4x3x3 que non aporta a creatividade esperada, cun primeiro tempo nulo, e que cuns centrais frouxos, non reforza o sistema para conseguir porterías a cero no lombo de Parera.
Ficha
SÁBADO 29/11/2025 (21,00) Campo: A MALATA (3.711)
RACING C. FERROL : 2 – A.D. MÉRIDA : 2 (0‑0)
RAC : Parera; Mardones, Edgar, Zalaya, Álvaro Ramón; Peña (Gelardo 80), Gorostidi, Jairo; Álvaro Juan (Dacosta 75’), Álvaro (Escobar 80’), Pascu. Tre. Pablo López. (Banco: Lucas (g); César (g); Leal; Saúl; David; Azael).
MER : Csenterics; Jacobo, Luis Pareja (Gaizka 65’), Javi Domínguez (Capi 85’), Vergés; Areso (Artola 72’), Martín Solar, Doncel, Dibrani (Felipe 85’), Chiqui (Roi Gomes 72’); Varo. Tre. Fran Beltrán. (Banco: Álex Gil (g); Beneit; Manu Rivas; Rodrigo).
Goles: 1-0 Peña 54’(p); 1-1 Mardones 86’(pp); 1-2 Varo 88’; 2-2 Mardones 90’.
Árbitro: Aleman Pérez (As Palmas). Auxiliares: Sánchez Lázaro e Corgo Suárez. 4º árb.: Sahelices Puga.
Disciplina: CA: Areso 17’; Peña 69’; Varo 76’; Edgar 77’; Escobar 90’ / Fran Beltrán (tre. MER) // VD: Alguer Brugarola (tre. aux. MER) 88’; Chiqui (sus. MER) 90’.