O Ourense C.F. supera en todo ao Girona e elimina ao segundo Primeira da Copa

Un Ourense C.F espectacular desfíxose do Girona, o segundo equipo de Primeira División que pasa polo Couto para despedirse da competición. Os galegos adiantáronse no primeiro minuto cunha cabezada de Yuste. Mágoa que o ex fabrilista cometera penalti ao cuarto de partido. Alberto adiviñou o disparo de Asprilla, pero non puido evitar que o exterior visitante enganchara o centro xute de Abel Ruiz. No segundo tempo o Ourense foi descaradamente polo encontro e adiantouse por medio de Ouhdadi, que medio minuto antes errara un disparo ante Gazzaniga. Ao final apretou o Girona e mandou un balón ao pau na derradeira xogada. Sería unha inxusta prórroga. O conxunto galego estará no sorteo de dezaseisavos e nel verá quen dos catro equipos que xogan a Supercopa será o novo visitante do Couto na competición do KO.

O Ourense iguala no xogo ao Girona

O Ourense quixo ser mataxigantes axiña. Ao minuto, un remate de Jerín desde dentro da área foi rexeitado a córner polo corpo dun defensa e, o saque do mesmo, ao segundo pau, foi cabeceado abaixo por Yuste para inaugurar o marcador.
Logo do gol, o Girona fíxose co balón, pero non era quen de superar as liñas ourensás. Na primeira que tentou Asprilla logrouno, pero mandou o centro á bancada.
Pola súa parte, o Ourense contaba na punta cun acertado Amín, que tocaba todos os balóns que lle chegaban e provocaba faltas aos defensas cataláns. Outro que estaba pleno de eficacia era Miguel Prado, tapando a banda dereita, recuperando balóns ou retardando a circulación do rival.
Malia todo, Roca tivo o empate ao romper polo centro. Controlou un pase desde os tres cuartos de Asprilla e disparou por fóra do marco, moi perto do pau, aos catorce minutos.
Roca sacou un penalti aos 23. Yuste golpeouno cando sacaba un pase para fóra da área e o colexiado sinalou os once metros. Asprilla lanzou, Alberto desviou, pero Abel Ruiz foi quen máis apurou para coller o balón e o seu centro chut foi rematado á rede por Asprilla na boca do gol.
Abel Ruiz mancouse pasada a media hora e Míchel puxo sobre o castigado céspede do Couto a Vanat. Despois, unha xogada de Yuste con Amín deixou libre ao canario para disparas raso, pero Gazzaniga estirouse até a cepa do poste evitando o gol.
Amín anotou no 36, roubou a Vítor Reis a pelota na área visitante e bateu a Gazzaniga. Hernández Hernández anulou a xogada por faltiña do punta local.
O Girona achegouse outra vez á área local cun xute raso e desviado de Vanar aos 42 minutos. No prolongamento, ninguén chegou a un centro de Asprilla, que recorreu a frontal do marco a dous metros da liña de gol.

Ambición e vitoria xusta

O segundo período comezou cun achegamento á área visitante de David Muñoz. O segundo atacante ourensanista non conseguiu finalizar. Os locais dominaban e un defensa visitante cabeceou cara atrás unha falta lanzada por Hugo Sanz no minuto 55. Gazzaniga chapou con outra estirada.
No minuto 61, Yuste disparou desviado desde fóra da área logo de recibir un pase da Amin tras unha falta rápida sacada desde o centro do campo polo finalizador da acción.
No seguinte, Ouhdadi superou cun disparo a Gazzaniga, pero Francés sacou o coiro antes de que chegara á liña de gol. Os locais controlaron o despexe, construíron axiña por medio de Yuste, que abriu á esquerda, desde onde Aranzabe entraba na área para golpear e, malia que o meta rexeitou, Ouhdadi completou cun disparo polo centro que colocou dentro da portería.
O Couto comezou a berrar cando Guerrero driblou a Papa Ba e centrou fechado. Ninguén puido completar o remate. Míchel fixo tres modificacións previstas desde antes do gol, pero non conseguiron darlle superioridade.
O Ourense non renunciaba a incrementar a diferenza e Ouhdadi, desde a media lúa, mandou un balón a un palmo do poste do sorprendido Gazzaniga no minuto 74.
O estado do campo tamén beneficiaba ao Ourense, moito mellor adaptado. O dominio era total dos galegos, que tamén se achegaron pouco despois cunha cabezada de Amín a centro de Miguel Prado. O meta arxentino embolsou fixado no medio da liña de gol.
Foi o momento no que mudou o partido. O Girona, véndose eliminado, fixo recuar ao Ourense, que comezou a montar un muro diante de Alberto. Os catro minutos de prolongación, baixo a intensa choiva foron moi abertos. O Ourense puido ampliar a conta en accións individuais de Guerrero. O Girona mandou ao meta rematar as dúas últimas faltas. Na derradeira, desde o lateral da área, bateu na parte superior da trabe da meta de Alberto.
O Ourense elimina a outro primeira e en dezaseisavos terá como rival ao R. Madrid, Barcelona, At. Madrid ou Athletic.

Ficha

MÉRCORES 03/12/2025 (21,00) Campo: O COUTO (3.500)
OURENSE C,F. : 2 – GIRONA F.C. : 1 (1-1)

OUR : Alberto; Miguel Prado, Carmona, Adri Pérez (Aymane 56’), Hugo Sanz; Camus (Guerrero 56’), Yuste, Jerin (Castillo 75’), Aranzabe; Amín (Vázquez 85’), David Muñoz (Ouhdadi 56’). Tre. Dani Llácer. (Banco: Ratón (g); Coto; Dani García; César; Punzano; Guerrero; Piera).
GIR : Gazzaniga; Rincón (Tsygankov 64’), Francés, Vítor Reis, Papa Ba (Pol Arnau 73’); Kourouma, Solís (Gibert 64), Roca; Asprilla, Abel Ruiz (Vanat 32’), Sarasa (Iván Martín 64’). Tre. Míchel. (Banco: Livaković (g); Andreev (g); Salguero; Bryan Gil; Arango).
Goles: 1-0 Yuste 1’; 1-1 Asprilla 24’; 2-1 Ouhdadi 63’.
Árbitro: Hernández Hernández (As Palmas). Auxiliares: Naranjo Pérez e Cerdán Aguilar. 4º árb.: Cueto Amigo.
Disciplina: CA: Sarasa 19; Vítor Reis 34’; Amín 40’; Vanat 57’ / Míchel (tre. GIR) 57’.
NOTAS: 24’ Alberto desvía un penalti lanzado por Asprilla, que marca ao aproveitar o pase de Abel Ruiz.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios