O Baxi Ferrol vive das rendas ante o Estudiantes

O Baxi Ferrol mostrou a súa capacidade de recuperación logo de non clasificarse para a Copa o mércores. As de Lino López foron superiores ao Estudiantes nun primeiro cuarto no que durante os seis primeiros minutos rendibilizaron cada ataque con anotación. As do Magariños, que comezaran con idéntica eficacia, a mesma só lle durou a metade de tempo.
Triunfo importante para seguir aspirando a estar entre os oito mellores ao remate da liga regular e, paralelamente, nunha competición no que a permanencia pode poñerse máis cara que noutras campañas, para ir afastando esa posibilidade o antes posible. Logo de vencer ás madrileñas por segunda vez no torneo, a zona vermella fica tres partidos máis abaixo.
Melia non xogou por unha afección, Joiner foi a única eliminada por faltas e Daniels, espectacular, con dez rebotes, tres tampas, seis faltas recibidas e 22 puntos, foi a mellor con 34 de valoración.

Seis minutos de eficacia plena

Case tres minutos de acertos continuados en ataque do Estudiantes, e seis do Baxi Ferrol, incluíndo unha tripla a taboleiro de Daniels que deron a primeira vantaxe local (11-9), fixeron dos primeiros compases unha oda ao baloncesto ofensivo. O Baxi Ferrol, mellor axustado, foi quen provocou os primeiros erros das estudiantiles. Tres rebotes defensivos, unha tampa de Daniels e dous rebotes ofensivos na mesma xogada, culminados coa canastra fácil de Joiner, puxeron ao cadro de Ferrol seis arriba (15-9). As de Ferrol seguían rematando cada ataque cun acerto. Samson, logo doutro rebote ofensivo de Rodríguez, anotaba de tres para elevar a diferenza ao dobre a 4:02 (20-10). Olmo González xa rotara a tres xogadoras e Lino López, co bo funcionamento, no que mellotrara o equilibrio defensa-ataque, só acababa de dar un repouso a Joiner para que o equipo fora dirixido por Šotolová,
Até unhas dobres de Blanca Millán, a 3:21, o Baxi Ferrol rematara cada ataque con puntos. Lino López ampliou as rotacións tras o segundo ataque consecutivo errado e a terceira falta colectiva,
Cando Daniels non reboteaba, facíao Rodríguez. Mentres, Joris anotaba a primeira tripla e a vantaxe seguía crecendo. Foi a última canastra nun final impreciso polos dous bandos, non que non houbo máis puntos nos dous últimos minutos e medio.

O Baxi Ferrol amplía a diferenza

O Baxi Ferrol mantivo a diferenza ao comezo do segundo cuarto, Unha tripla de Camilión parecía que podía mudar a inercia do partido, peo dous ataques despois respondeu Daniels con outra.
As locais eran moito máis efectivas que as visitantes cando se trataba de resolver con balóns interiores. Daniels sempre gañaba os duelos contra as súas marcadoras, ás veces ao máis puro estilo de Melia, que malia estar vestida coa roupa de traballo, non xogou. Polo ecuador do cuarto pasouse cou mesma diferenza que cinco minutos antes (35-22).
As ferrolás tiveron un pequeno atasco en ataque e Estudiantes baixou dos dez nunha bandexa de Ezeigbo. Lino López pediu tempo. Puxo orde nas cabezas das súas xogadoras e Joiner no ataque ao atinar cunha tripla. Despois meteu outra Joris (40-26) e Daniels mostrouse máis lista e habelenciosa que Ezeigbo para manter os catorce arriba.
Máis acertos defensivos permitiron ao equipo non facer faltas, roubar e correr. A pequena reacción estudiantil rematou axiña e quen tivo que pedir un novo tempo foi Olmo González. Non lle valeu. Unha perda de Bühner e unha tampa de Daniels sobre a alemá complicaron máis a situación das madrileñas, que viron como outra tripla, desta por medio de Rodríguez, iluminaba o 47-28.
Un libre de Daniels e outro de Etxarri fecharon o primeiro tempo. O Baxi Ferrol tirou menos e anotou máis (18 acertos de 33 intentos), ao contrario do Estudiantes (12 de 37). Daniels, con 19, era a máis valorada e tamén a mellor anotadora con 16 puntos.

O reparto de erros beneficia ás galegas

A segunda parte comezou ao contrario da primeira e dando continuidade á seca anotadora do cuarto anterior. Berkani errou tamén dous tiros libres para aumentar a ineficacia. Quebrouna Ezeigbo a 5:53 cun reverso e bandexa na pintura. Axiña, respondeu Blanca Millán. O Baxi Ferrol púxose vinte arriba coa segunda tripla de Joris (55-35). O equipo compensaba os erros no tiro cunha boa serie de rebotes ofensivos.38-19 eran as capturas por cada equipo cando a tripla da belga.

Baixando as porcentaxes co partido sentenciado

O Estudiantes comezou mellor o último cuarto. Chegou a rebaixar a diferenza a quince. Šotolová paroulles a última esperanza cunha tripla. O traballo de Ezeigbo baixo os aros estaba axudando ás visitantes, pero outra vez durou pouco a reacción. Un erro da nixeriana e un duelo directo con Daniels, que acertou na entrada, fixo que o Baxi Ferrol recuperara os vinte puntos arriba a 5:03 do remate (72-52),
O partido estaba sentenciado mentres as contendentes seguían baixando as porcentaxes de tiro. Ao final, dous puntos máis por equipo nos últimos cinco minutos ilustran ese remate para esquecer, pero feliz para o conxunto ferrolano, que coa súa dobre vitoria sobre as madrileñas fica máis próximo da tranquilidade igualando vitorias e derrotas (8-8).

Ficha

SÁBADO 10/01/2026 (19,00) Pavillón: A MALATA (1.500)
BAXI FERROL : 74 – ESTUDIANTES : 54 (25-12) (48-29) (61-41)

BAX : Joiner (9), Blanca Millán (8), Samson (7), Rodríguez (5), Daniels (22) – cinco inicial -, Sánchez-Ramos (2), Erjavec (8), Šotolová (5), Somorrostro (0), Baldonedo 0), Joris (8). Tre. Lino López. Non xogaron: Melia.
EST : Berkani (0), Osma (3), Camilión (9), Bühner (11), Ezeigbo (13) – cinco inicial -, Stanacev (4), Latorre (4), Etxarri (10), Crozon (0). Tre. Olmo González. Non xogaron: Díaz, Odom.
Árbitros: Lema Parga (Galiza), Ibáñez García (Castela-A Mancha), Aranzana García (Madrid).
Eliminadas: Joiner (74-54) 38’.

Foto: Joiner, que sería eliminada, nun pase ante Camilión. © 21noticias.com

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios