O sector agrogandeiro galego saíu hoxe á rúa para amosar un rexeitamento frontal á sinatura do acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur. Convocados por asociacións como Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, e co apoio da Federación Galega de Porcino (Fegaporc), centos de produtores acompañados por uns 50 tractores protagonizaron unha sonora protesta polas rúas de Lugo.
O percorrido, que se iniciou ante a sede da Xunta de Galicia e concluíu fronte á Subdelegación do Goberno, serviu para advertir do «grave impacto directo» que este tratado tería sobre o modelo produtivo e o rural galego. Esta mobilización coincidiu con actos similares noutras cidades galegas como A Coruña e Ourense, así como en diversos puntos de España e Europa.
Unha ameaza para o modelo familiar e a seguridade alimentaria
Nas portas das dúas administracións, os convocantes leron manifestos dirixidos tanto ao goberno autonómico como ao central. Nel, debullaron as consecuencias que consideran «irreversibles» se o acordo chega a ratificarse:
- Destrución de explotacións familiares e perda de emprego directo e indirecto.
- Despoboamento acelerado do rural e creba da cohesión territorial.
- Dependencia alimentaria exterior, cedendo a capacidade de decidir sobre o que se produce e se consome.
- Competencia desleal, ao obrigar a competir con prezos que o modelo europeo non pode igualar sen sacrificar calidade ou sustentabilidade.
Esixencia de «veto político» e reciprocidade
Ante o que cualifican como un «silencio institucional preocupante», os produtores esixiron o cumprimento do principio de reciprocidade. «Non pode entrar ningún produto no mercado europeo que non cumpra os mesmos estándares ambientais, laborais e de benestar animal que se nos esixen a nós», reiteraron. Por iso, instan ás administracións a exercer un veto político mentres non se garantan condicións equitativas e xustas.
Información ao consumidor
Para pechar a xornada, os produtores instalaron un punto informativo dirixido á cidadanía. O obxectivo foi explicar que este acordo non só afecta ao sector primario, senón que compromete a seguridade alimentaria de toda a poboación ao permitir a entrada masiva de alimentos con trazabilidade e garantías sanitarias inferiores ás da Unión Europea.