Primera promesa electoral de Podemos Ourense

Mentres PSOE e BNG compiten por ver quen promete a obra máis vistosa, os problemas reais da cidade seguen sen resposta: a vivenda, o abandono dos colexios públicos e a seguridade da infancia. Desde Podemos Ourense denunciamos unha política de escaparate que ignora as necesidades urxentes da maioría social.

Nas últimas semanas asistimos a unha carreira entre PSOE Ourense e BNG Ourense para apropiarse do anuncio do soterramento da avenida Otero Pedrayo. O PSOE Ourense chegou incluso a rexistrar unha iniciativa na Deputación de Ourense, mentres que o BNG Ourense presentou esta actuación como a súa primeira promesa electoral.

“Estamos a ver unha competición polo titular e pola foto, non un debate serio sobre o modelo de cidade que necesita Ourense. O problema non é só o que prometen, senón todo do que deciden non falar” afirmou o noso voceiro Francisco Diéguez.

No último pleno municipal quedou claro cales son as prioridades reais do BNG, cando preferiu defender a construción do estadio do Couto antes que abordar cuestións fundamentais como a emerxencia habitacional, o abandono no mantemento dos colexios públicos ou a seguridade dos nenos e nenas.

“Resulta preocupante que se fale con tanta lixeireza de millóns para infraestruturas deportivas mentres hai familias que non poden pagar un alugueiro e colexios públicos en estado lamentable”, sinalou o noso voceiro.

A situación dos centros educativos é especialmente grave. Hai deficiencias estruturais coñecidas, falta de mantemento continuado e riscos que levan tempo sendo denunciados polas ANPAS e polas familias sen que nin o Concello nin a Xunta dean unha resposta á altura.

“Aquí non estamos a falar de discrepancias políticas, estamos a falar da seguridade dos nosos fillos e fillas”, subliña Diéguez. “Non imos mirar para outro lado mentres se normaliza o abandono dos colexios públicos”.

Por este motivo, desde Podemos Ourense anunciamos que estamos a estudar accións xudiciais contra o Concello de Ourense e a Consellería de Educación, por unha neglixencia que pon en risco a integridade de nenos e nenas.

“Cando as administracións non cumpren coa súa obriga básica de garantir espazos seguros, non queda outra que acudir á xustiza. A infancia non pode ser moeda de cambio nin vítima da propaganda” engadiu Diéguez

Fronte a esta política de escaparate, Podemos Ourense quere deixar claro cal vai ser a súa primeira promesa electoral, porque responde a unha necesidade real e urxente:

 subir o IBI ás vivendas baleiras, para combater a especulación,

 rehabilitar os edificios abandonados e poñelos ao servizo da cidadanía como

Alugueiro social.

“Non é admisible que haxa vivendas pechadas e edificios abandonados mentres miles de persoas teñen problemas para acceder a unha casa digna”, afirma Diéguez. “A vivenda ten que cumprir unha función social, non ser un activo para especular”.

Ourense non precisa máis anuncios espectaculares nin proxectos pensados para a foto.

“Ourense precisa valentía política, prioridades claras e menos ruído. Ou se goberna para a maioría social ou se segue facendo política para o titular. Nós témolo claro” concluíu Francisco Diéguez.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios