Amigas das Árbores. “Lévanche o lume no sangue”: O sinsentido das queimas “preventivas” na Baixa Limia

O impacto dos incendios forestais vai moito máis alá da paisaxe: é un golpe directo á saúde pública e ao equilibrio duns ecosistemas xa ao límite. As cifras de 2025 falan por si soas: máis de un millón de hectáreas ardidas na Unión Europea, das cales a metade se concentraron no noroeste peninsular. Galicia, cunhas 140.000 hectáreas calcinadas —a maioría na provincia de Ourense—, segue a ser a zona cero desta catástrofe.

A indignación veciñal medra tras o sucedido esta semana no concello de Bande. O pasado 25 de febreiro, a carón do cemiterio e da propia vila, os servizos forestais da Xunta de Galicia procederon á queima dunha fraga autóctona. A xustificación oficial? A prevención de incendios.

Resulta lamentable e inxustificable que, en pleno 2026, a solución da Xunta para protexer o monte sexa precisamente prendelo. O Distrito XV (A Limia e Baixa Limia) leva décadas sendo un dos máis fustigados polo lume; seguir teimando nas queimas nesa zona non é xestionar, é claudicar.

Hoxe en día existen medios materiais, técnicos e humanos abondo para xestionar o territorio sen recorrer ao lume. Queimar bosques e fragas nunca foi nin será a solución. Que sexa a propia Administración a que promova estas prácticas é, canto menos, triste.

Hai tempo, preguntándolle a un gandeiro da Serra de San Mamede pola orixe desta praga, respondeume cunha frase que hoxe cobra máis sentido ca nunca: «Lévanche o lume no sangue». Semella que, mentres a política forestal non se limpe dese atavismo, os nosos bosques seguirán condenados.

Comparte éste artículo
No hay comentarios