As emisións de CO2 da produción eléctrica galega aumentaron en 2025

As emisións de gases de invernadoiro da xeración eléctrica excederon os 1,5 millóns de toneladas.

A partir dos datos de produción eléctrica por fontes divulgados por Rede eléctrica, o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) estima que a xeración eléctrica en Galicia emitiu máis de 1,5 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático durante 2025, o que representa un aumento dun 10% con respecto a 2024. A pesar diso, 2025 foi o segundo ano con menores emisións de GEI do sector eléctrico galego nas últimas cinco décadas.

A pesar do lento crecemento da potencia renovábel, o declive final da queima de carbón provocou nos últimos anos unha forte caída das emisións de GEI do sector eléctrico galego. Así, pasou de achegar un 40% das emisións totais de Galicia en 2018 a un 15% en 2023. O sector eléctrico deixou de ser o maior emisor de gases de invernadoiro. O transporte e a gandaría intensiva son hoxe os sectores que máis contribúen á crise climática global desde Galicia.

As centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes son responsábeis  duns dous terzos das emisións  de GEI do sector eléctrico galego. O aumento da súa produción nun 21% foi a causa da suba das emisións da produción eléctrica galega en 2025. A maior actividade dos ciclos combinados veuse favorecida polo estancamento da potencia renovábel e polo maior recurso aos ciclos combinados despois do apagamento de abril

A xeración renovábel (sen incluír a combustión de residuos orgánicos) recuou case tres puntos en 2025 até supor o 81,1% da total. O fortalecemento da acción climática esixiría que antes de 2030 atinxise practicamente o 100%. O obxectivo da Xunta é acadar o 85% en 2030 (incluíndo a queima de residuos orgánicos).

A baixada da produción renovábel (-9%) e o aumento da demanda eléctrica (+21%) pola recuperación parcial da actividade da fábrica de aluminio de Alcoa San Cibrao aproximaron no cómputo anual a xeración renovábel (17,616 GWh) e a demanda interna (16,866 GWh). Nun ano algo menos chuvioso ou con Alcoa San Cibrao en plena actividade a demanda galega anual non sería cuberta pola electricidade limpa obtida en territorio galego.

A desfosilización da produción eléctrica en Galicia experimentou un enorme salto desde 2018 por causa do declive final do carbón. Así, o factor de emisión de GEI caeu desde uns 370 a uns 70 gr de CO2eq/kWh entre 2018 e 2025. Isto significa que, para un mesmo nivel de consumo eléctrico, as emisións asociadas de GEI foron en 2025 unhas cinco veces menores que en 2018. A electrificación do consumo enerxético en transporte, industria e fogares é hoxe a vía máis rápida para avanzar na urxente descarbonización. 

Segundo Rede eléctrica, a potencia renovábel, incluíndo o autoconsumo solar fotovoltaico, tan só medrou en Galicia  o 1,6% (+132 MW) en 2025. O estancamento da potencia renovábel, xunto coa falta de impulso á electrificación do consumo enerxético e a recuperación da produción de Alcoa San Cibrao comprometen seriamente a redución de emisións de GEI en Galicia.

As emisións galegas brutas de GEI eran en 2023 (ano máis recente con datos) un 38,3% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao abandono do carbón na produción eléctrica. En 2030 deberían ser xa un 65% menores para estarmos en liña co Acordo de París (1).

Comparte éste artículo
No hay comentarios