Rubén Cuevas, profesor da UC3M, presenta no CITIC da UDC un método científico para medir e reducir o impacto enerxético da IA

A charla, que terá lugar o mércores 28 de xaneiro, enmárcase no ciclo “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable” da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes.

O CITIC da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro mércores 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, a conferencia titulada “Un enfoque científico-práctico para a IA verde” que impartirá Rubén Cuevas, profesor titular da Universidade Carlos III de Madrid, subdirector do Instituto UC3M-Santander de Big Data e CEO e cofundador da empresa tecnolóxica Hiili. O encontro terá lugar na Sala Cloud do Centro TIC.

A charla enmárcase no ciclo “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable” impulsado pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes e abordará un dos principais retos actuais do desenvolvemento tecnolóxico: o elevado consumo de enerxía, auga e as emisións de carbono asociadas á intelixencia artificial xerativa. Este impacto ambiental, cada vez máis documentado e asumido socialmente, formula importantes desafíos de cara ao crecemento previsto destas tecnoloxías nos vindeiros anos.

Durante a sesión, Rubén Cuevas presentará a metodoloxía desenvolvida por Hiili para medir con precisión o consumo enerxético dos modelos de IA xerativa, un aspecto clave para avanzar cara a sistemas máis eficientes e sostibles. A partir deste enfoque, introducirase GreenBrainAI, unha solución deseñada para optimizar o uso de modelos de genAI, mantendo o rendemento para as persoas usuarias e reducindo de forma significativa o consumo enerxético.

Rubén Cuevas é autor de máis de 80 publicacións científicas internacionais e participou en máis de 40 proxectos de investigación, liderando máis dunha vintena deles. O seu traballo céntrase en servizos dixitais enerxeticamenteeficientes, publicidade en liña, transparencia web e privacidade, e foi recoñecido con diversos premios de ámbito nacional.

A conferencia está dirixida á comunidade universitaria, profesionais do eidotecnolóxico e a todas as persoas interesadas no desenvolvemento responsable e sostible da intelixencia artificial. O acceso é libre até completar aforo, pero require inscrición previa a través desta ligazón.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. 

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).

Comparte éste artículo
No hay comentarios