A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (FAPACEL) e o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo renovaron o seu convenio de colaboración co obxectivo de continuar desenvolvendo accións formativas e iniciativas de promoción da saúde dirixidas ás ANPAS asociadas a FAPACEL.
O acordo, subscrito pola presidenta de FAPACEL, Isabel Calvete Carrera, e pola presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Eva Gómez Fernández, dá continuidade ao programa “Educación e Saúde”, que desde o ano 2022 vén desenvolvendo unha intensa actividade formativa nos centros educativos da provincia.
Dende o inicio da colaboración, realizáronse 178 formacións de educación afectivo-sexual, unha liña de traballo especialmente demandada polas comunidades educativas, atendendo a 5000 nenos e nenas. Para o ano 2026 xa están concertadas 40 novas accións formativas, ás que se suman outras intervencións adicionais que se levan a cabo de maneira gratuíta para as socias da Federación segundo as súas demandas.
No ámbito da formación en primeiros auxilios, impartíronse 13 obradoiros de reanimación cardiopulmonar (RCP), e para o presente curso están previstas 6 novas accións nesta materia, fundamentais para dotar ás familias e ao persoal educativo de coñecementos básicos para actuar ante situacións de emerxencia.
Como novidade, durante este ano iniciarase unha nova liña de traballo centrada na saúde emocional e nos hábitos de vida saudable, con 14 formacións proxectadas para o ano 2026, co obxectivo de promover o benestar integral do alumnado e das familias.
O convenio reforza o compromiso común de traballar de maneira coordinada na educación para a saúde, a prevención e o benestar das familias e do alumnado dos centros públicos da provincia de Lugo.
Con esta renovación, FAPACEL e o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo consolidan unha colaboración estable baseada na cooperación, na formación e na promoción da saúde como piares fundamentais da comunidade educativa.