Os betanceiros xogan o sábado contra Ulla Oil Rosalía.
Logo da dura derrota na casa fronte ao pechacancelas, o Solgaleo Bosco Ourense, por 93-100, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos visita a pista do Ulla Oil Rosalía, un rival directo que conta, tan só, cunha vitoria menos ca o equipo dirixido por José Amando Pena “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo”. O contrincante, de seguro, vai ser moito máis difícil ca na primeira volta, onde os betanceiros -que contaban coa plantilla completa- gañaron o envite aos composteláns por un contundente 98-74. E se se insiste no da plantilla completa é porque o bache de resultados do conxunto da capital das Mariñas coincide con varias semanas de baixas (tanto por lesións como por asuntos persoais) que obrigan a ir moi atrás para ver un partido co que o adestrador puidese contar co 100% dos seus efectivos. O Ulla Oil Rosalía, que vén de gañar fóra da casa ao Estudiantes Lugo, é a día de hoxe un equipo en claro ascenso, formado predominantemente por xente moza, e no que destacan as aportacións anotadoras do portugués Cachopas Gil Prates (15,3 pp), do debutante na categoría Carlos Gil (12,6 pp) ou do incombustible Nilo Barreiro (10,7 pp).
Así valora o encontro o técnico do Ineltrón Santo Domingo: “O encontro do sábado en Santiago preséntase moi igualado. É un partido moi importante para os dous equipos, xa que a vitoria os distanciaría dos postos de descenso. Outra semana máis estivemos con problemas á hora de adestrar (gripes, obrigas laborais e persoais) aínda que esperamos recuperar a Dani e a Luis para o encontro. O Rosalía é un equipo mi intenso, sobre todo os seus xogadores exteriores. Agardo que o noso equipo sexa capaz de mellorar a intesidade defensiva que nos permita competir o partido”.
O partido terá lugar o sábado ás 20h no pavillón do Instituto Rosalía de Castro.