A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, destacou hoxe no concello de Ribeira de Piquín a necesidade de formar á sociedade en igualdade a través da lectura de textos feministas que contribúan a rematar con comportamentos sexistas e pouco igualitarios. Así o afirmou nunha nova entrega da MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, na residencia de maiores de Ribeira de Piquín, acompañada polo alcalde, Roberto Fernández, e pola xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Lugo, María Luisa Castro.
A subdelegada fixo entrega dunha maleta con 11 libros con temática feminista para o concello, salientando a boa acollida que está a ter este programa na provincia. Destacou, neste senso, a importancia deste recurso como ferramenta “para remover conciencias e cambiar hábitos machistas que aínda están presentes nunha sociedade que, a día de hoxe, continúa marcada por condutas sexistas e patriarcais”.
Olimpia López agradeceu “a receptividade do alcalde de Ribeira de Piquín para desenvolver este programa, xa que desde o Goberno traballamos man a man cos concellos para abordar esta cuestión de estado, creando conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos, e que segue a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país”.
Así, lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. “Por iso entregamos estes libros ao concello, para favorecer un pensamento crítico e promover unha actitude de rexeitamento fronte a comportamentos que perpetúan os estereotipos e roles de xénero”, subliñou.
Catálogo de libros