O BNG de Palas de Rei reclama á Xunta, o Concello e á Igrexa actuacións urxentes no conxunto histórico de San Salvador de Vilar de Donas

Olalla Rodil” denunciamos a situación calamitosa na que se atopa este conxunto histórico”.

O BNG reclama á Xunta de Galiza , ao Concello a á Igrexa que impulsenactuacións urxentes de conservación, recuperación e posta en valor do conxunto histórico de Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, un Ben de Interese Cultural (BIC) de enorme relevancia histórica e patrimonial.


A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, advertiu que “o abandono que sofre este conxunto histórico por parte da Xunta é cada vez máis evidente e preocupante”. Neste sentido, Rodil sinalou que “nestes días de forte temporal tívose coñecemento da caída dun dos portalóns situados entre a casa reitoral e o alpendre, un feito que volve poñer de manifesto o avanzado estado de deterioro do conxunto e a falta absoluta de mantemento”.


O mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, documentado xa no século XII e historicamente vinculado á Orde de Santiago, é un destacado exemplo do románico galego. O conxunto componse da igrexa e da casa reitoral do antigo mosteiro e alberga un singular conxunto de pezas sepulcrais de cabaleiros da Orde de Santiago e de membros de familias nobiliarias da comarca, de grande valor histórico e artístico.


Porén, tal e como lembrou Rodil, “desde o ano 2010, cando se levaron a cabo uns traballos de restauración por un importe de 159.948,42 euros, a Xunta de Galiza non volveu realizar ningunha actuación neste BIC”. “Máis de quince anos de inacción que explican a situación actual de deterioro, especialmente na casa reitoral e na contorna da igrexa, cun risco real de perda patrimonial se non se actúa con urxencia”, engadiu.


A deputada nacionalista reclamou que a Xunta asuma as súas competencias e impulse un plan integral de intervención xunto co concello de Palas de Rei e a Igrexa para que inclúa actuacións de consolidación e rehabilitación, así como medidas de posta en valor e divulgación do conxunto, aproveitando tamén a súa proximidade ao Camiño de Santiago francés.


“O patrimonio non se protexe só con declaracións administrativas, senón con investimentos e compromiso político”, concluíu Olalla Rodil, quen insistiu en que “cada episodio de deterioro que se produce é unha advertencia máis de que Vilar de Donas non pode seguir esperando”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios