A alcaldesa, Elena Candia, comezou o Pleno facendo un recoñecemento a Xoán Montes: «Imos dar comezo ao pleno ordinario correspondente ao mes de maio, e facémolo dunha das mellores formas en que se pode iniciar: rendendo homenaxe a Xoán Montes. É o maior recoñecemento e orgullo posible, especialmente para o orfeón e para todas esas entidades culturais que o pasado 24 de outubro de 2025 rexistraban neste Concello esta petición.
Iniciamos isto como un acto de xustiza e de gratitude, pero tamén como un exemplo de que nos poñemos á disposición de todo o tecido cultural e musical da cidade. Temos moi claro que o que somos hoxe llo debemos ás persoas que antes ca nós traballaron para construír a nosa identidade. Creo que non hai mellor maneira de comezar un pleno.
Despois de resolver algunha cuestión de trámite, como unha modificación orzamentaria, arrancaremos o debate. Como non pode ser doutra maneira, hoxe hai un gran interese mediático, pero eu estou moi interesada en que se vexa o que estamos traballando todos estes días.
Esta mesma mañá, por exemplo, a Área de Participación Cidadá facíame entrega do decreto que nos fai propietarios do quiosco que se atopa ao fondo desta praza. Como saben, temos o firme propósito de convertelo en baños públicos e nun punto de información turística. Trátase dunha xestión que levaba tempo bloqueada por un déficit de xestión absolutamente inaceptable para a cidade. En moi poucos días, grazas ao traballo e á xestión do persoal municipal, logramos desbloquealo.
Isto é só un detalle, como tamén o son as obras de reparación que estamos a acometer para non perder os fondos destinados aos puntos de recarga, ou os avances en materia de persoal. Xa temos listas as bases para aprobar a convocatoria de mobilidade da Policía Local e as bases para a cobertura de dúas prazas de bombeiros. En definitiva, unha ampla relación de asuntos absolutamente prioritarios aos que estamos a dar preferencia.
Somos conscientes de que o mantemento require unha intervención urxente e de que cómpre axilizar a burocracia. Imos buscar a maneira máis intelixente e eficiente de xestionar, tamén desde o punto de vista dos gastos. Como saben, esta mesma semana colocarase a caseta de madeira cuxos pregos xa están listos; non se podía manter un contrato en vigor para un elemento obsoleto e sen ningún tipo de uso.»