O PP insiste na necesidade de que Monforte conte cun plan de emerxencias actualizado

Katy Varela: “Hai un ano defendemos no pleno unha iniciativa para a aprobación dun plan específico de inundacións no concello, pero José Tomé respondeu que xa existía un plan de emerxencias, circunstancia que á vista do sucedido nos últimos días resulta insuficiente”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte lamentan a falta de planificación e previsión do Concello fronte ás intensas choivas rexistradas nos últimos días e aos graves incidentes de inundacións sufridos en varios fogares, presuntamente como consecuencia da apertura do encoro de Vilasouto.

A voceira do Grupo Municipal Popular, Katy Varela, lembra que “hai un ano, dendeo PP defendemos no pleno unha iniciativa para a aprobación dun plan específico de inundacións no concello, pero José Tomé respondeu que xa existía un plan de emerxencias”, unha circunstancia que “á vista do sucedido nos últimos días resulta insuficiente”.

Katy varela sinala que “Monforte é un concello con risco real de inundacións e, nun contexto de fenómenos meteorolóxicos extremos cada vez máis frecuentes, é imprescindible contar cun plan específico, claro e operativo que permita anticiparse e dar unha resposta eficaz”, polo que dende o Grupo Municipal Popular defenderemos de novo a actualización do plan no vindeiro pleno municipal.

Desde o PP de Monforte instan ao goberno de José Tomé “a tomarse en serio esta materia”. “Botamos en falta máis atención directa aos veciños afectados e menos preocupación por saír en roldas de prensa buscando protagonismo”, criticou.

O Grupo Municipal Popular esixirá ao goberno local máis responsabilidade, planificación e compromiso cos cidadáns, especialmente cos que están a sufrir as consecuencias directas das inundacións, para evitar que situacións como estas volvan repetirse no futuro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios