O Grupo Provincial Popular denunciou hoxe «a falta de igualdade e a arbitrariedade» coa que, segundo a formación, a Deputación de Lugo reparte os fondos públicos. O PP acusa ao presidente, José Tomé, de tecer un «Plan Deputación B» para favorecer unicamente a concellos gobernados por PSOE e BNG co obxectivo de «comprar vontades» e garantir a súa permanencia na presidencia.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, subliñou que os convenios aprobados semanalmente na Xunta de Goberno non deixan «nin un só euro» para máis da metade dos concellos da provincia, precisamente aqueles dirixidos por alcaldes do Partido Popular.
«Non dicimos que non se colabore con eses concellos, dicimos que hai que colaborar con todos os concellos da provincia», aclarou Ameijide, quen tamén criticou a coincidencia nos importes dos últimos convenios, moitos deles próximos aos 250.000€. Para o PP, isto demostra que non son acordos puntuais, senón «unha cota establecida a escuras».
«Unha morte política anunciada»
Ameijide afirmou que esta falta de igualdade «aumenta as desigualdades dentro da provincia» e demostra a «soidade de José Tomé». O voceiro popular considera que a estratexia do presidente é insostible. «Estamos ante a crónica dunha morte política anunciada porque o presidente da Deputación só pode manterse no cargo a base de comprar vontades cos cartos de todos os lucenses».
O PP considera que o «sectarismo» de José Tomé levará ao seu afundimento. «As vontades que se compran non duran no tempo; os mercenarios marchan cando se acaban os cartos», sentenciou Ameijide.