Ameijide: “É necesario que a Deputación impulse e aprobe un Plan específico que contemple a disposición de achegas económicas directas para todos os concellos, distribuídas en base a criterios obxectivos, públicos e transparentes, co fin de garantir unha distribución xusta e proporcional dos recursos públicos”.
Ante os estragos derivados dos diferentes temporais que sufriu a provincia nos últimos meses, os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno que a Deputación de Lugo elabore e poña en marcha un Plan Provincial Extraordinario de Emerxencia e Cooperación cos Concellos para a recuperación de infraestruturas municipais afectadas polos recentes temporais.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “nos últimos meses todos os concellos da provincia sufriron as consecuencias dos diferentes temporais, polo que se fai preciso que a Deputación de Lugo colabora na recuperación das infraestruturas municipais afectadas”, algo para que o Grupo Provincial Popular pide que se habilite unha partida orzamentaria de polo menos 5M€, “que inclúa unha liña de axudas directas e urxentes para a reparación de infraestruturas danadas, a habilitación dun procedemento administrativo simplificado que garanta a axilidade na súa tramitación e a prestación de asistencia técnica provincial aos 67 concellos para a avaliación de danos e execución das actuacións necesarias”.
A realidade é que dende finais de decembro do pasado ano, a provincia de Lugo, ao igual que outras, vén sufrindo unha sucesión continuada de temporais caracterizados por fortes choivas, ventos intensos e episodios de inestabilidade meteorolóxica que tiveron un impacto significativo no territorio, fenómenos adversos que provocaron danos relevantes nas infraestruturas municipais, especialmente nas vías locais e camiños rurais.
Os concellos da provincia, en moitos casos con limitados recursos económicos e técnicos, enfróntanse a importantes dificultades para asumir en solitario os custos derivados da reparación dos danos ocasionados pola meteoroloxía. A conservación e mantemento das vías municipais resulta fundamental para garantir a seguridade viaria, evitar o illamento de núcleos rurais e asegurar a prestación de servizos públicos esenciais.
Cómpre recordar que a contía que destinará cada concello a través do ‘Programa de Investimentos’, no marco do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026 ao arranxo, reparación e mellora de vías públicas municipais e doutras infraestruturas, resulta insuficiente, na maioría dos casos, para levar a cabo as obras de emerxencia necesarias para restaurar a seguridade e funcionalidade destas infraestruturas.
“É necesario que a Deputación impulse e aprobe un Plan Provincial Extraordinario de Emerxencia específico que contemple a disposición de achegas económicas directas para todos os concellos, distribuídas en base a criterios obxectivos, públicos e transparentes, co fin de garantir unha distribución xusta e proporcional dos recursos públicos”, sinalou Ameijide.
Neste senso, o voceiro popular pide “apoio” para impulsar este Plan e que teña un procedemento áxil e simplificado para a solicitude e xustificación das axudas, co obxectivo de garantir a rápida execución das actuacións necesarias.