Pablo Rivera desmonta o “alarmismo” do PP sobre a nova ordenanza de residencias: “É xustiza social, non un hachazo”

Ante as declaracións do Partido Popular sobre a nova ordenanza dos Centros de Atención a Maiores da institución provincial, a Deputación de Lugo desexa facer as seguintes aclaracións:

O PP denuncia que PSOE e BNG aprobaron definitivamente hoxe “a suba brutal” de ata 800€ aos usuarios das residencias

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recalca que «as subidas só afectan aos usuarios cun patrimonio elevado; o que ten unha pensión mínima paga arredor de 540 euros, exactamente como antes. Iso é xustiza social, non un ‘hachazo'» e definiu as declaracións do voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide como “deliberadamente falsas e socialmente irresponsables».

«O señor Ameijide non se equivoca: minte. E minte de maneira consciente, porque ten os papeis na man. Está sementando alarma deliberada nas familias dos maiores da nosa provincia con titulares falsos que ningún dato sostén. Iso non é facer oposición. Iso é faltar ao respecto aos maiores que utiliza como argumento», sinalou Rivera.

«O señor Ameijide afirma que esta ordenanza se aprobou hoxe ás agochadas en Xunta de Goberno. É mentira. Esta ordenanza aprobouse no Pleno do 31 de marzo deste ano, co señor Ameijide sentado na cámara e cos medios de comunicación cubrindo a sesión. O que se fixo hoxe é o que tiña que facerse legalmente despois da exposición pública: a aprobación definitiva. Ningún ocultismo. Procedemento administrativo regrado. Pero claro, é máis cómodo inventar conspiracións e mentir».

Respondendo as declaracións que realiza o Partido Popular sobre un aumento do prezo de ata 800€, Rivera Capón recalca que “a subida só afecta de xeito significativo aos usuarios cun patrimonio elevado. Os datos están publicados: unha persoa cunha pensión non contributiva de 8.803 euros anuais paga 545,50 euros, e seguirá pagando exactamente o mesmo. Unha persoa coa pensión media de Lugo —arredor de 15.000 euros— paga 975 euros, e o seu importe apenas varía. Iso é o que non lles conta o señor Ameijide ás familias cando as chama por teléfono para alarmalas. Porque se llelo contara, o titular caeríalle nas mans».

«O señor Ameijide non se atreve a facer unha comparación que sería demoledora para o seu partido: as tarifas das residencias da Xunta de Galicia son, nos tramos altos, superiores ás nosas. E ademais a Xunta non puxo nin un euro neste sistema provincial de residencias. Polo tanto, vén cuestionar unha tarifa progresista da Deputación, mentres a tarifa da Xunta nos mesmos tramos é maior, e mentres a súa Xunta non abriu nin unha sola residencia pública en Lugo en máis de vinte anos. Iso é demagoxia. E é mentira por omisión».

Rivera interpelou directamente ao voceiro popular: «Pregúntolle, señor Ameijide, e que respondan os veciños: acepta vostede que unha persoa cun patrimonio moi elevado pague o mesmo prezo por unha praza pública que unha persoa que vive cunha pensión non contributiva? Acepta esa inxustiza? Porque iso é o que vostede está defendendo cando alza a voz contra esta ordenanza: que un rico e un pobre paguen exactamente o mesmo por un servizo público pagado por todos. A iso non lle chamaba antes o PP «café para todos»? Como cambian as cousas cando lle convén».

O deputado lembrou que a tarifa que agora se modifica levaba oito anos sen ningunha revisión. «Oito anos. Mentres o custo da vida subía, mentres os salarios subían, mentres os custos das residencias se disparaban, esta institución mantiña conxeladas as súas tarifas para os tramos altos. A actualización era inevitable, é técnica, e é, sobre todo, profundamente progresista: garante o mínimo vital, protexe ás rendas baixas, e pídelle máis a quen máis ten».

O deputado pechou cunha reflexión sobre o ton da nota popular. «Entendo o nerviosismo do señor Ameijide. Pero cando un non ten argumentos, recorre á alarma. Cando un non ten cifras, falsifícaas. E cando un non ten política para os maiores, fai cousas como estas. Eu seguirei dando explicacións aos veciños, con datos, sen agochar nada, e sen necesidade de mentir. Esta ordenanza é a máis progresista da rede pública galega. E ningún titular do PP vai poder con esa verdade».

Comparte éste artículo
No hay comentarios