Tombamos 3 dos aeros do Polígono Eólico de Cartelle, quedan outros catro

A administración consinte en tramitar o plan da promotora madrileño-aragonesa Aratel, que empezou a cambiar o deseño con novos estudos a primavera pasada tras a mobilización contra o polígono.

O proxecto segue chámndose AMR 7, mais xa perdeu tres aeroxeradores. A empresa Aratel, de capital aragonés e madrileño, presentou a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, e o estudo de impacto ambiental do proxecto despois de ter reducido o plan inicial de 7 a 4 aeroxeradores para levantar un polígono eólico no Coto Novelle, en Cartelle, afectando ademais aos concellos da Arnoia, Castrelo de Miño e Gomesende.

O Coto Novelle, entre os ríos Arnoia e Miño, é unha loma que se eleva 700 metros sobre o nivel do mar que separa as comarcas da Terra de Celanova e do Ribero e envolve, cara o leste, a contorna da Torre de Sande, e cara o oeste, o encoro de Castrelo, nunha área de alto valor paisaxístico.

Entre novembro de 2024 e febreiro de 2025, a plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA, en colaboración con comunidades de veciños e organizacións sindicais (SLG, CIG) e políticas (BNG da Comarca de Celanova e BNG da Comarca do Ribeiro) recolleu máis de 1.200 alegacións contra o proxecto inicial de polígono eólico 7 aeroxeradores e unha Liña de Alta Tensión até a estación do encoro de Castrelo de Miño, e 600 algeacións máis contra o proxecto vinculado de 16.000 módulos fotovoltaicos, que, segundo se denunciou, tratan de se tramitar por separado incorrendo en fraude de lei.

Diante da alarma social e o rexeitamento veciñal, a promotora presentou con datas do 17 de novembro de 2025 e do 23 de xaneiro pasado, «documentación actualizada», segundo revela agora a Xunta vía DOG, que consinte en tramitar de novo o proxecto –sen facer referencia ningunha ao plan adiccional de planta fotovoltaica, como xa sucedera na primeira tramitación- e concede un plazo de alegacións até o próximo 13 de abril.

O que proxecta agora Aratel é un polígono eólico de 4 aeroxeradores de 7,2 MW de potencia nominal cada un, cunha altura total de 200 metros (é dicir, aumentou a potencia e reduciu a altura de cada unidade), que se chantarían sobre un polígono industrial de 1.000 hectáreas, nun treito de sur a norte (polo sur, a unha distancia de apenas un quilómetro do Arnoia; polo norte, a uns centos de metros do pico do Coto Novelle). Ademáis, da subestación correspondente -na parte norte do polígono, a máis alta-, levaría asociadas unha Liña de Alta Tensión de 4 kilómetros desde o alto do Coto até a Subestación de Castrelo de Miño, que ademais sería obxecto dunha ampliación de potencia coa «construción dun novo parque á intemperie de 220 kV».

STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA lembra que este proxecto non resolve os impactos denunciados nas primeiras alegacións, que non informa de cales son as intencións da promotora sobre a posibilidade de continuar co plan de polígono híbrido (é dicir, promover tamén a planta fotovoltaica), que segue presentando graves afectaccións sobre a fauna -desmán (en perigo de extinción), morcegos-, anfibios -con tres especies vulnerábeis e 1 en perigo de extinción- a avifauna -nunha área que acolle 5 especies vulnerábeis e 1 en perigo de extinción-, e mesmo cunha LAT que atravesa unha área de protección para a avifauna ameazada. Ademais dos impactos sobre a paisaxe, as augas, o patrimonio cultural e a saúde humana, neste caso tanto polas afeccións anteriores como pola concentración de infraestruturas eléctrica de alta tensión próximas a núcleos de población.

A plataforma comprométese a realizar novas alegacións ao proxecto e a coordinar accións con veciñas e organizacións para conseguir que os responsábeis da avalación poidan frear o proxecto todo, do mesmo xeito que xa se descartaron 3 dos aeroxeradores iniciais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios