Desde ESPERTAMONFORTE! valoramos a dimisión da concelleira de Igualdade, Margarita López, como un paso necesario e inevitable no plano estrictamente político. Esta formación considera que a decisión responde á responsabilidade institucional que o cargo require e á presión exercida desde a oposición para garantir a dignidade das institucións.
Unha postura baseada na coherencia
Cómpre lembrar que ESPERTAMONFORTE! foi a formación que solicitou formalmente a súa dimisión ao considerar que a situación xerada facía insostible a súa permanencia no Goberno local. “Fixémolo con argumentos políticos e desde a máxima coherencia, evitando en todo momento entrar en cuestións persoais ou ataques fóra do ámbito institucional”, sinalan desde o comité local.
Hoxe, trala confirmación da renuncia, a formación reafírmase na súa postura: “Non somos hipócritas. Mantemos unha posición clara e pública: cando entendemos que deben asumirse responsabilidades políticas, esixímolas con claridade, independentemente das persoas implicadas”.
Recuperar a credibilidade en Igualdade
Para ESPERTAMONFORTE!, o paso dado por Margarita López é positivo para o concello, xa que permite pechar unha etapa de inestabilidade e permite que a área de Igualdade recupere a credibilidade institucional necesaria para seguir traballando polo feminismo e a cidadanía.
Con todo, a formación advirte que a dimisión non supón un punto final á súa labor de control: “Non imos cesar na fiscalización política. Os feitos están sobre a mesa e as formas de proceder de cada quen quedaron retratadas”.
ESPERTAMONFORTE! conclúe reiterando o seu compromiso cunha oposición responsable e firme, velando sempre polo interese xeral, o bo funcionamento das institucións e o respecto aos valores que deben representar as políticas de igualdade en Monforte.
Foto TVG