Tras o exitoso inicio do ciclo especial de paseos guiados “O Lugo Menos Coñecido”, co que se celebra o décimo aniversario do proxecto Guido Guía (2015-2025), a programación continúa este mes de outubro cunha proposta diferente e chea de cor.
O xoves 16 de outubro será a quenda dun novo itinerario conducido polo turismólogo e guía lucense Guido Álvarez Parga, que nesta ocasión convidará ás persoas participantes a descubrir a arte urbana como expresión viva da cidade contemporánea, un dos temas polos que máis apostou Guido dende o seu proxecto profesional.
Baixo o título “Arte nas Rúas de Lugo”, o paseo permitirá mergullarse no vibrante universo dos murais, graffitis e intervencións artísticas que se espallan por distintos recantos da cidade. Ao longo do percorrido, Guido explicará as historias e os significados que se agochan tras estas obras, asinadas por artistas (algúns e algunhas deles/delas estarán presentes na actividade) que foron transformando os muros en auténticas galerías ao aire libre.
A actividade arrancará ás 16h30 horas desde o Parque Rosalía, un dos espazos máis emblemáticos de Lugo e punto de partida perfecto para comezar esta viaxe pola creatividade urbana. Trátase dun paseo para todos os públicos, pensado para quen queira mirar a cidade con outros ollos e comprender como a arte pode dialogar coa vida cotiá, co espazo público e coa identidade lucense.
As prazas poden reservarse previamente a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com. O prezo da inscrición é de 8 euros por persoa, cun desconto do 50 % para menores de 18 anos e de balde para nenos e nenas de ata 2 anos.
Unha oportunidade única para redescubrir Lugo a través da súa arte máis contemporánea, camiñando, aprendendo, e deixando que a cidade nos fale tamén a través das súas paredes.![]()