Preto de 70 participantes na 2ª edición da Universidade Sénior da UDC en Cee

O luns 2 de marzo, ás 17:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Cee a inauguración da 2ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior da Universidade da Coruña, dirixido a persoas maiores de 50 anos de Cee. Nesta nova edición, preto de 70 participantes toman parte nesta iniciativa educativa.

A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon así en marcha unha nova edición deste programa de formación universitaria específico, que conta coa financiación da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Cee.

As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo e abril na Sala de Conferencias da Casa da Cultura de Cee, e contan cun total de 65 persoas inscritas, procedentes dos concellos de Cee, Camariñas, Carnota, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía.

O programa estrutúrase en tres módulos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As actividades celebraranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.

Ao acto de inauguración asistirán a directora, Matilde García Sánchez, a adxunta a dirección da Universidade Sénior da UDC, Susana Iglesias Antelo e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela Louzán.

MÓDULO I. HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS

  • 2 de marzo: “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, do prof. Iván Nieto Cerdeiriña
  • 3 de marzo: “Arte de vangarda: manual de instrucións”, do `prof. Fernando Agrasar Quiroga
  • 9 de marzo: “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, da profa. Eva Mª Souto García e o prof. J. Antonio Ramos Vázquez

MÓDULO II. CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA

  • 16 de marzo: “A revolución dixital na xestión da auga”, da prof. Antonio J. Díaz Longueira
  • 17 de marzo: “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, da profa. Socorro Castro García
  • 23 de marzo: “Lume. Análise social dos incendios forestais” do profa. Elvira Santiago Gómez

MÓDULO III. CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE

  • 7 de abril: “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, do prof. Casto Rivadulla Fernández
  • 8 de abril:  “Evolución ou extinción: eu decido”, da profa. Esther Fernández Fernández.
  • 13 de abril: “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, do prof. Salvador Fojón Polanco

Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos de Cee, dando continuidade a unha liña de traballo orientada a responder ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a posta en marcha desta iniciativa, en diferentes comarcas e vilas, no ano 2018.

Comparte éste artículo
No hay comentarios