Nun esforzo por comprender a postura da cidadanía europea sobre a transición enerxética, o proxecto europeo EnergyPROSPECTS realizou de forma exitosa unha enquisa en liña a 10.000 persoas en 19 países europeos. Neste traballo estivo implicado un equipo conformado por persoal investigador da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña con ampla experiencia en proxectos internacionais, e coordinado pola profesora do Departamento de Psicoloxía da UDC Adina Dumitru. Previamente, este equipo estivo a cargo da exploración do concepto de “cidadanía enerxética” en Galicia e dos factores facilitadores, ou barreiras, para unha maior implicación das persoas na toma de decisións relativas a un novo modelo enerxético sostible no noso territorio. A partir desta análise, o equipo desenvolveu unha ferramenta de empoderamento ao servizo da cidadanía.
Nesta fase do estudo, explorouse a participación individual na transición enerxética, as respostas á crise enerxética de 2021-2022, as medidas de aforro de enerxía e as motivacións, así como as expectativas cidadás, en relación coas prácticas de enerxía sostible.
Os resultados da investigación suxiren que a maior parte da cidadanía europea cre que o seu papel na transición enerxética limítase á súa vida privada, é dicir, ás accións nos seus fogares ou rutinas diarias. Só unha cuarta parte das persoas enquisadas considera que a cidadanía enerxética se relaciona coas accións públicas, tales como participar en consultas públicas, ou formar parte de organizacións, entre outras. As principais motivacións para emprender accións relacionadas coa enerxía son o desexo de reducir os custos enerxéticos e as preocupacións ambientais.
En xeral, as persoas participantes na enquisa ven o futuro próximo de forma pesimista. O 57% dos enquisados espera pagar máis pola enerxía en 2030, e tan só o 14% pensa que o proceso de transición enerxética vai por bo camiño. Ademais, os participantes fixeron unha crítica firme ás institucións e organizacións implicadas na transición enerxética. Sobre todo, cando se lles preguntou sobre o papel do Parlamento Europeo, a Comisión Europea, as autoridades nacionais e locais, os provedores de enerxía e mesmo os actores da industria e o comercio.
Con todo, as persoas participantes estaban convencidas de que toda a sociedade debería facer todo o posible para apoiar a transición enerxética. Positivamente, máis do 60% de enquisados informaron que diminuíron o seu consumo de enerxía nos últimos anos.
Cando se lles preguntou que se pode facer para fomentar e apoiar a participación da cidadanía europea na transición enerxética, sinalaron que a cidadanía enerxética debe fomentarse con medidas de apoio financeiro adaptadas, que sexan facilmente accesibles a través de procedementos administrativos simplificados. A enquisa tamén revelou que debería prestarse un apoio especial ás persoas que viven en situación de pobreza enerxética. A educación tamén se considera clave para mitigar calquera preocupación sobre os impactos, beneficios e custos percibidos da transición enerxética. Así mesmo, os participantes sinalaron que se requirían avances lexislativos para determinar a condición xurídica dos produtores individuais e colectivos de enerxía procedente de fontes renovables, o comercio entre pares e o intercambio de enerxía. Por último, evidenciouse a necesidade de facer máis para incluír á cidadanía no deseño dos procesos de formulación de políticas, pois a empoderaría e garantiría unha transición enerxética inclusiva e socialmente xusta.
O equipo de EnergyPROSPECTS cre que estes achados serán fundamentais para realizar unha proposta de políticas e estratexias acordes coas aspiracións e capacidades do público, acelerando así a viaxe de Europa cara a un panorama enerxético sostible e inclusivo.
Acerca de EnergyPROSPECTS
EnergyPROSPECTS é unha iniciativa de investigación colaborativa centrada na exploración da cidadanía enerxética, que colaborou con diversas audiencias durante tres anos para desentrañar as complexidades que rodean ás prácticas enerxéticas en Europa. Tomando unha base de coñecemento procedente das Ciencias Sociais e as Humanidades, o obxectivo do proxecto foi comprender a cidadanía enerxética como un concepto político, un imaxinario sociotécnico e unha construción social da axencia cívica nos sistemas enerxéticos do futuro. O proxecto EnergyPROSPECTS obtivo financiamento no marco do programa Horizonte 2020 da UE para desenvolver unha ampla comprensión da cidadanía enerxética, examinando cuestións transversais e creando unha tipoloxía baseada en case 600 iniciativas.
Mediante unha análise en profundidade de 40 casos exploráronse varios aspectos dos sistemas enerxéticos, permitindo así propoñer un conxunto de ferramentas de empoderamento. Os obxectivos principais do proxecto incluíron o desenvolvemento dun marco conceptual, a identificación de diversas manifestacións da cidadanía enerxética, a avaliación das condicións para a participación e a análise dos resultados. EnergyPROSPECTS buscou mellorar o compromiso cos cidadáns e os profesionais, traducindo os achados en ferramentas e intervencións.
A investigación consistiu en analizar as condicións contextuais que apoian ou dificultan a cidadanía enerxética, facer coincidir os modelos adecuados con diferentes contextos e realizar unha enquisa cidadá. Os resultados prácticos en materia de políticas obtivéronse a través de talleres de intercambio de coñecementos con axentes políticos. O consorcio EnergyPROSPECTS estivo conformado por nove socios de Irlanda, Bélxica, Hungría, Países Baixos, Bulgaria, Francia, Letonia, Alemaña e España.