O BNG esixe ao Goberno pór fin aos retrasos nas homologacións de títulos universitarios

Néstor Rego urxe axilizar a tramitación dos expedientes pendentes e reforzar os medios e o persoal destinado a estas tarefas.

O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno do Estado a adopción inmediata de medidas para solucionar a grave situación de colapso e opacidade que afecta aos procedementos de homologación e declaracións de equivalencias de títulos universitarios estranxeiros, dependentes do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que existen “millares de expedientes paralizados desde hai anos, nalgúns casos desde 2017 ou 2018, o que está a impedir que numerosos profesionais poidan exercer a súa actividade no Estado español”. Segundo recoñeceu a propia Ministra, no ano 2024 tramitáronse uns 40.000 expedientes, mentres que para este ano 2025 o obxectivo é resolver 80.000, o que dá conta da magnitude do problema e do atasco acumulado.

Rego recolle as queixas das persoas afectadas que denuncian que “o Ministerio está a emitir resolucións sen respectar a orde cronolóxica de entrada das solicitudes” e que consideran inxustificábel que se estean emitindo resolucións favorábeis a solicitudes presentadas en xullo de 2024, baixo o novo Real Decreto 889/2024, mentres outras do ano 2017 seguen sen resposta. 

Outro dos problemas denunciados polas persoas solicitantes é a existencia de arbitrariedades nos requirimentos de documentación, esixindo subsanacións por suposta falta de documentos que xa foran presentados correctamente.

Diante desta situación, o BNG demanda ao Goberno do Estado “axilizar a tramitación dos expedientes pendentes, reforzando de inmediato os medios e o persoal destinado a estas tarefas”. Do mesmo xeito, urxe garantir o respecto escrupuloso da orde de presentación das solicitudes, para evitar discriminacións ou tratos preferentes.

“Débense estabelecer mecanismos de información accesíbeis e actualizados para as persoas solicitantes, así como estudar a descentralización do proceso de homologación, transferindo competencias ás Comunidades Autónomas, como a Galiza, que dispoñen de plenas competencias en materia de educación e estarían en mellores condicións para ofrecer un servizo máis eficaz, próximo e áxil” demanda Rego.

“O actual colapso do sistema está a impedir que millares de profesionais poidan incorporarse ao mercado laboral, nun momento ademais de escaseza de persoal cualificado en moitos sectores”, subliña Rego. “A falta de capacidade do Ministerio para resolver en tempo e forma as solicitudes de homologación, non só é unha falta de respecto ás persoas afectadas, senón tamén unha grave irresponsabilidade que prexudica o conxunto da sociedade” conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios