As entradas, a un prezo de 13 euros, xa están dispoñibles en ataquilla.com.
Walter Pandiani e Jorge Andrade volverán á Coruña o vindeiro venres 13 de marzo para ser os grandes protagonistas dunha nova edición do Depor Locura, o show creado e presentado polo cómico Roi da Costa. Dous nomes propios da etapa máis brillante do Deportivo da Coruña compartirán escenario para lembrar anécdotas, confidencias e momentos inesquecibles, especialmente das históricas noites europeas do club.
Walter Pandiani xogou 141 partidos coa camisola branquiazul, onde anotou 47 goles. O Rifle foi ademais peza importante nas grandes remontadas en Champions (Milan, PSG, Manchester…) e tivo unha gran conexión coa bancada coruñesa.
Jorge Andrade disputou 169 encontros como deportivista e foi, como Pandiani, figura importante no Dépor que alcanzou as semifinais da Champions en 2004. O portugués garda un gran recordo do club e da cidade onde pasou máis tempo como futbolista.
O show celebrarase o venres 13 de marzo no Fórum Metropolitano (Rúa Río de Monelos, 1), ás 20.30 horas. As entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com e terán un prezo de 13 euros, máis gastos de xestión. No caso de quedar aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán adquirir o propio día do evento na billeteira do Fórum Metropolitano.
Antes do comezo, os asistentes poderán gozar da previa do acto a partir das 19.00 grazas á barra instalada por Culuca Cocina Bar, promotor do evento. Igualmente estará dispoñible ao termo do espectáculo. Creedence Rock Bar tamén colabora co evento e regalará unha cea para dúas persoas ao deportivista que comparta a mellor anécdota durante o acto.
Como é habitual, o espectáculo, que mestura humor, emoción e lembranzas da época dourada deportivista, contará cunha parte audiovisual, sorpresas e a participación do público, que tamén poderá compartir as súas anécdotas e vivencias seguindo o Dépor.
Depor Locura consolídase así como o primeiro e único show temático en España dedicado a un equipo de fútbol. Entre os seus anteriores protagonistas destacaron Joan Capdevila, Augusto César Lendoiro, Lucas Pérez, Diego Villares, Rubén de la Barrera, Barros Botana, Xosé Antonio Touriñán, Federico Pérez, Rodrigo Vázquez e Paco Lodeiro.
.