Galiza queda fóra da final da Copa das Rexións ao caer na prórroga ante Canarias

Galiza non poderá aspirar ao “tri” logo de perder fronte a Canarias a semifinal da fase española da Copa das Rexións. Un innecesario penalti de Bellido a Zeben, transformado por Santi Domínguez cando remataba o primeiro tempo da prórroga, sentenciou á Irmandiña. Os canarios xogarán a primeira final da súa historia e Galiza perdeu, sen chegar aos penaltis, a primeira das súas cinco semifinais xogadas. O boirista Landeira estreouse coa albo e celeste.

Bellido erra baixo a trabe insular e Andrés acerta baixo a galega

Logo dun primeiro cuarto de hora sen ocasións, Galiza puido adiantarse cun disparo de Noel Álvarez, que na área, perto da frontal, aproveitou un mal golpeo de Lombao. O xute do valdeorrés pasou por riba da trabe.
A Irmandiña mantivo unha frecuencia de chegadas nos seguintes minutos. No 17, unha mala recepción de Galindo permitiu a Galiza lanzar un córner por medio de Noel. O do Cambados fechou o centro, o meta errou no despexe e Bellido, que non tiña o seu día, botou a cabezada por riba da portería cando estaba a un paso da liña de gol. No 18, Adrián precipitouse nunha chegada en vantaxe ante Galindo. O do Céltiga quixo aproveitar a apertura do ángulo desde unha maior distancia, pero non abriu o disparo o necesario e Galindo desviou o xute.
Pouco despois, Santi Domínguez, á reviravolta, aproveitou un balón morto que caeu ao seu pé logo dun córner. Andrés, chantado no centro, chapou o disparo, evitando o gol do insular.
Logo, á contra, Andrés mostrou reflexos cando sacou a un palmo da raia unha cabezada de Guayre, que chegara no segundo pau a un centro de Santi Domínguez.
Na parte final, Achore, un dos máis activos, con dúas variantes posicionais, serviu un centro para Lucas, que rematou de xeito acrobático, mais desviado.

Segundo tempo con menos de todo

A Irmandiña deixouse enfeitizar polo ritmo canario. Así, a segunda metade foi máis lenta e con menos ocasións. A albo e celeste puido abrir o marcador axiña, nun centro de Noel, desde a dereita, que cabeceou Achore perto do punto de penalti. Galindo estirouse e puido desviar coa man dereita.
Manolo García fixo as primeiras modificacións superada a hora de xogo, pero o estilo de partido non mudou. Canarias gañaba máis que Galiza, tendo en conta que o seu banco era peor. De feito, Sergio Alonso só fixo dúas substitucións nos primeiros 90 minutos e una delas obrigado pola lesión muscular de Pablo Díaz.
O xogo animouse algo na parte final. Unha falta provocada por Achore na frontal da área, que Noel mandou contra a barreira, anticipou tamén a substitución de ambos.
O partido puido resolverse no prolongamento nunha contra galega. A defensa desbaratou un córner canario, montou o ataque rápido polo centro e, na parcela rival, correndo con vantaxe dun home, Yosi recibiu polo carreiro do 8. O lateral do Boiro, fresco por ter entrado había pouco, apurou a condución até a área e, malia o seu bo pé, estragou a ocasión cun disparo moi desviado.

O absurdo penalti de Bellido

A prórroga, dividida en dous tempos de dez minutos, tivo poucas cousas, pero entre elas, a máis importante do partido. No minuto 107, Zeben recibiu no bico da área, superou no duelo de parellas verticais a Bellido cun drible e o do Estradense, arriscando innecesariamente, derrubouno na área. Santi Domínguez, cun xute á dereita de Andrés, que se lanzou ao outro lado, anotou o gol que significaría o pase canario á final. Os insulares eran quen de gañar por primeira vez á Irmandiña e equilibrar o balanzo no terceiro enfrontamento das súas historias.
Na metade do segundo tempo da prórroga tivo o empate Cambón, pero atrapallouse para rematar un centro diante de Galindo. Dese xeito, Galiza asinou tamén a súa primeira derrota, sen ter que recorrer aos penaltis, nunha semifinal da fase española da Copa das Rexións.

Ficha

VENRES 27/02/2026 (16,00) Campo: OLÍMPIC (Tarrasa) (200)
GALIZA : 0 – CANARIAS : 1 (0‑0) 0-0

GAL : Andrés; Achore (Yosi 87’), Carabán. Dopico, Bellido (Cadra DP); Brais Vidal, Noel Álvarez (Diego 76’), Lucas; Noel (Rachu 87’), Adrián (Cambón 63’), Lombao (Landeira 76’). Sel. Manolo García. (Banco: Atib (g)).
CAN : Galindo; Zeben, Acaymo, Pablo Díaz (Noah Morales 51’), Jony Reyes (Brian González 97’); Amai (Dani Hernández 101’), Soto, Mario; Guayre (Saúl Vera 68’), Santi Domínguez, Alexis (Sergio Rodríguez 97’). Sel. Sergio Alonso. (Banco: Dani Díaz (g); Pato).
Goles: 0-1 Santi Domínguez 98’(p).
Árbitro: Alins Rodríguez (Cataluña). Auxiliares: Campos Figal e Riubrugent Expósito. 4º árb.: Vicente Delmar.
Disciplina: CA: Zeben 43’; Acaymo 46’; Brais Vidal 86’; Mario 100’.
Observacións: A prórroga dividiuse en dous tempos de dez minutos cada un.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios