Argalleiras convida a celebrar o 8M en comunidade nas Pallozas de San Román

A Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras organiza o vindeiro 8 de marzo de 2026 un acto conmemorativo polo Día da Muller que terá lugar nas Pallozas de San Román, en Cervantes, a partir das 16:00 horas. A xornada está aberta a toda a veciñanza e non será necesaria inscrición previa para participar.

Argalleiras, constituída oficialmente en xullo de 2025 e con sede no concello de Cervantes, naceu coa finalidade de crear un espazo de encontro, participación e dinamización cultural para as mulleres da comarca dos Ancares. Nos seus primeiros meses de traxectoria, a entidade conseguiu reunir case medio centenar de socias, consolidándose como un colectivo activo que traballa por fortalecer o papel das mulleres no rural e promover iniciativas culturais e sociais no territorio.

A celebración do Día da Muller será unha ocasión especial para compartir e reivindicar a importancia das mulleres na vida social, cultural e económica da montaña. O programa inclúe o espectáculo de narración oral “Estremonías da silva”, a cargo de Lila Teatro, así como actuacións musicais de Son de Cores e Os Xardois. Ademais, ofrecerase unha merenda con café e doces para todas as asistentes.

Desde a Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras convidan a todas as mulleres de Cervantes e da contorna a achegarse a San Román nesta data tan significativa. O encontro pretende ser un espazo aberto para a conversa, a celebración e o reforzo dos lazos comunitarios, reafirmando o compromiso colectivo coa igualdade e poñendo en valor o papel das mulleres como piares fundamentais para dinamizar o rural e a vida na montaña.

O acto está organizado pola Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras e o CDR Ancares. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios