O Goberno Local do Concello de Lugo saíu ao paso das últimas declaracións do portavoz do BNG, Rubén Arroxo, quen esixiu que «Candia ten que explicar se está autorizando as festas pola vía administrativa ou de palabra», en relación á suposta falta de autorizacións para a celebración das festas patronais de San Isidro no barrio da Piringalla. Desde o executivo municipal cualificáronse de «rotundamente falsas» estas afirmacións, acusando á oposición de tentar manipular a realidade co único obxectivo de desgastar ao equipo de goberno e xerar unha alarma innecesaria entre a veciñanza.
Cos expedientes e decretos oficiais na man, a alcaldesa desmontou de forma categórica o que cualifica como «unha campaña de desinformación que atenta contra o prestixio da institución e dos seus funcionarios». Segundo a documentación achegada polo Concello, todas as actuacións e autorizacións tramitáronse seguindo escrupulosamente as canles legais e administrativas vixentes, garantindo a viabilidade e, por riba de todo, a seguridade das celebracións no barrio.
Desde o Goberno local subliñase que a estratexia do ruído mediático e a mentira sistemática evidencia a «caída en picado» do crédito político do BNG de Lugo. «Non se pode nin se debe enganar aos lucenses utilizando as festas tradicionais dos nosos barrios como arma arreboladiza», sinalan fontes do Goberno Local, que afean a Arroxo a súa incapacidade para aceptar o novo escenario político tras o cambio de goberno encabezado por Elena Candia.
O executivo municipal lembra que os criterios técnicos e de seguridade pública non son negociables e que a manipulación dos prazos e dos requirimentos documentais só busca confundir ás comisións organizadoras e á veciñanza.
Finalmente, a Alcaldesa e o seu equipo de goberno fixeron un chamamento á responsabilidade política e á madurez democrática. Instan ao BNG a abandonar a confrontación baseada en falsidades e a sumarse a unha oposición construtiva que traballe polo interese xeral de Lugo, en lugar de tentar paralizar a xestión municipal con «ruído interesado».
O Goberno de Lugo reafirma o seu compromiso co dinamismo e o apoio ás festas en todos os barrios da cidade, como demostra o normal desenvolvemento da programación de San Isidro na Piringalla, garantindo sempre o estrito cumprimento da lei para a tranquilidade de todos os asistentes.